Pestanas principais

Preséntase a I Carreira-Andaina dos Inocentes que se celebrará o 28 de decembro en Bertamiráns

Martes, 17 de decembro de 2019

Esta mañá presentouse a primeira edición da Carreira-Andaina dos Inocentes, que se celebrará o 28 de decembro, a partir das 18.30 horas, na contorna da praza de Chavián, en Bertamiráns. É unha actividade destinada a todos os públicos. Pódese participar na carreira-andaina cun prezo por dorsal de 6 euros, os cales serán destinados a Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Ademais, pódese asistir disfrazado e haberá premios aos mellores disfraces e corredores/as, xunto con agasallos de participación. A inscrición pode formalizarse a través da web de Carreiras Galegas, podendo participar en grupo de mínimo 3 integrantes ou individualmente.

Na presentación da I Carreira-Andaina dos Inocentes estiveron o alcalde de Ames, José Miñones,  a concelleira de Deportes, Susana Señorís, a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e maila representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Esther Ybarra.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou que para esta proba “deseñouse un percorrido sinxelo de tres quilómetros, para que as familia que o desexen poidan participar. Todo o recadado será destinado a SOGAPS. Ademais, de pagar o importe do dorsal para participar, que son 6 euros, existe a opción de facer un donativo, así como hai un dorsal 0 para poder colaborar con esta iniciativa. Agardemos que esta proba se poida consolidar e cheguemos ás vinte edicións que se levan celebrado da carreira pedestre”.

A I Carreira-Andaina dos Inocentes 2019 é unha carreira-andaina a pé de aproximadamente 3 quilómetros, con saída e meta dende a praza de Chavián, situada en Bertamiráns, destinada a todos os públicos sen idade mínima de participación. Aínda así, todos os menores de 10 anos deberán ir obrigatoriamente acompañados dun adulto durante a andaina ou carreira.

As inscricións pódense tramitar ata o 26 de decembro
O prezo do dorsal é de 6 euros. As inscrición pódense realizar na páxina web de Carreiras Galegas. O prazo límite para facelo é o xoves 26 de decembro, ás 23.59 horas. A recollida de dorsais realizarase na secretaría da competición situada na carpa da organización (praza de Chavián- Bertamiráns) o mesmo día da carreira ata media hora antes da proba. No caso de querer facer unha achega comprando o dorsal pero sen participar na carreira-andaina, existe un apartado na mesma páxina web indicado para elo.

As persoas que queiran inscribirse en grupo teñen que poñer o nome do equipo no momento de tramitar a devandita inscrición. Primeiro teñen que facer a inscrición de xeito individual na carreira ou na andaina, e posteriormente (na seguinte pantalla do proceso telemático de inscrición) teñen que poñer o nome do equipo do grupo ao que pertencen. É dicir se tres persoas foron un grupo, as tres deberán inscribirse de xeito individual e poñer o nome do mesmo grupo ao que pertencen.

Desta maneira, a partir das 17.30 horas realizarase a entrega de dorsais e dun agasallo na carpa da organización. Posteriormente ás 18.30 horas, procederase a unha sesión de quecemento en grupo. Será a partir das 18.40 horas cando comeza a I Carreira-Andaina do Inocente, que ten previsto rematar ás 19.30 horas co sorteo de agasallos e a entrega de premios.

Cando se empecen a entregar os dorsais na carpa da organización, procederase tamén á entrega de agasallos por participar na carreira-andaina. Pero non serán os únicos. Haberá premios as/aos 3 primeiras/os chegadas/os a meta, premio aos 3 mellores disfraces de grupo (dun mínimo de 3 integrantes) e premio aos 3 mellores disfraces individuais.

Colaboración das asociación de comerciantes e empresarios
Ao rematar a proba deportiva, todos os/as participantes poderán tomar un chocolate quente cun petisco doce. Nesta actividade colaboran a Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar; XEA (Xuntanza de Empresarios de Ames); Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro e Centro Comercial Novo Milladoiro.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceulle a Concellaría de Deportes que pensara nos comerciantes do concello para colaborar nesta iniciativa. “Dende o primeiro momento en que me puxen en contactos coas asociación de comerciantes e empresarios, non dubidaron en dicir que si a esta proposta. Así, quero agradecer a colaboración da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira, Bulebar; da Asociación de Empresarios do Parque Empresarial do Milladoiro; da Asociación Xuntanza de Empresarios de Ames; e do Centro comercial Novo Milladoiro, que colaboran coa cesión de vales. Tamén agradecer a colaboración da froitaría, Tómate más fruta, de Bertamiráns”.

A recadación irá destinada a SOGAPS
Toda a recadación do día irá destinada a SOGAPS (Solidariedade Galega co Pobo Saharauí), unha organización non gobernamental formada por persoas voluntarias que adican parte do seu tempo en colaborar na axuda ao pobo saharauí, como da poboación residente no Sáhara Occidental ocupada por Marrocos. O obxectivo desta asociación é dar resposta ás necesidades de planificación e mellora na xestión e execución da axuda humanitaria dirixida aos refuxiados saharauís que se da en Galicia a petición e coordinación da Delegación Saharauí para Galicia.

A representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Esther Ybarra, dixo “quero darlle as grazas ao Concello de Ames porque eles se encargan de toda a organización e os fondos recadados son para colaborar co programa Vacacións en Paz. O ano pasado estiveron en Ames 13 rapaces e rapazas saharauí, pero de cara ao próximo verán o obxectivo é que poidan estar con familias de Ames uns 20 nenos e nenas. Para iso estamos traballando e agradecemos este tipo de iniciativas que nos permiten recadar fondos para sufragar os billetes de avión dos nenos e nenas saharauís”.

 

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Preséntase a I Carreira-Andaina dos Inocentes que se celebrará o 28 de decembro en Bertamiráns"

Lindeiros: "Ames organiza unha Carreira dos Inocentes a favor de Solidariedade Galega co Pobo Saharauí"

Presentación da I Carreira-Andaina dos Inocentes

Multimedia

  • Presentación da I Carreira-Andaina dos Inocentes
  • Presentación da I Carreira-Andaina dos Inocentes
  • Cartel da I Carreira-Andaina dos Inocentes