Pestanas principais

Preséntase a décimo primeira edición do festival de maxia de Ames

Mércores, 16 de novembro de 2016

[16-11-2016] A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu esta mañá a presentación do XI Festival de Maxia de Ames, que se vai desenvolver do 21 ao 27 de novembro nas localidades de Bertamiráns e do Milladoiro. No acto de presentación estiveron o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o representante de Abarajar Producciones, Javier Polo, que é a empresa encargada de desenvolver o festival, e mailo mago Rafa, mestre de cerimonias da Gala Internacional de Maxia. Este ano como novidades haberá un espectáculo de maxia infantil para nenos/as de 0 a 6 anos, que se celebrará o venres, 25 de novembro, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Ademais, ao igual que o ano pasado haberá tres pases da gala máxica internacional aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Este festival está organizado polo Concello de Ames e conta coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña.


O acto de presentación abriuno o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, que agradeceu ao persoal do departamento de Cultura e á empresa Abarajar Producciones a organización desta nova edición do festival de maxia. “Hoxe presentamos a décimo primeira edición deste festival que xa está consolidado entre a programación cultural do concello. O obxectivo do goberno municipal é potenciar e reforzar este evento que ademais dos espectáculos que se ofrecen nas casas da cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, achega a maxia a todos os centros escolares de Ames”, destacou Santomil.

A programación deste ano dará comezo o luns 21 de novembro nos centros de ensino amesáns. Dende o 21 ata o 25 os colexios e institutos, que teñen alumnado de terceiro de infantil ata terceiro da ESO, acollerán distintos espectáculos de pequeno formato, unipersoais a cargo dos magos Dani García e Noel. As actividades do festival de maxia continúan o venres 25, ás 18:30 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns cun espectáculo de maxia infantil, para nenos/as de 0 a 6 anos, a cargo do prestixioso mago Rafa. Esta é unha das principais novidades desta edición do festival.

Durante a presentación, Javier Polo, representante de Abarajar Producciones, destacou que “trataran de sorprender a nenos e adultos con diversas actividades e espectáculos. Este ano a principal novidade do festival é o espectáculo de maxia infantil que correrá a cargo do mago Rafa”. No transcurso da presentación tamén se destacou que a empresa Abarajar Producciones organizou este festival nos últimos cinco anos.

Gala Internacional de Maxia
A principal actividade do XI Festival de Maxia de Ames será a Gala Máxica Internacional. Ao igual que o ano pasado haberá tres pases da gala máxica internacional aos que poderán acudir preto de 600 persoas. Esta gala, que está dirixida ao todos os públicos, estará presentada e dirixida polo mago Rafa e contará coa participación dos magos David Macc, Jorge Prieto, Olga Maslovska, Dani Polo e Héctor Sansegundo. Esta gala celebrarase o sábado 26 no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Haberá dúas funcións, a primeira ás 17:30 h e a segunda ás 20:30 horas. Hai un aforo limitado de 216 butacas por función. No Milladoiro será o domingo 27 de novembro, ás 18:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura. Neste caso tamén existe un aforo limitado de 146 butacas.

As entradas para asistir á Gala Internacional de Maxia, así como o espectáculo de maxia infantil, pódense mercar na Billeteira electrónica, á que se pode acceder a través dun banner situado na portada da páxina web municipal. As entradas teñen un prezo de 2 euros para maiores de 18 anos e 1 euro para menores de 18 anos. A venda de entradas a través da Billeteira electrónica farase ata dúas horas antes do comezo da función. No caso de quedar entradas dispoñibles venderanse nas casas da cultura dende unha hora antes do comezo do espectáculo. Poderanse adquirir como máximo catro entradas por persoa.

Obradoiros de maxia
Ademais, o sábado 26 en Bertamiráns e o domingo 27 no Milladoiro, en horario de 11:00 a 12:30 horas, impartirase un obradoiro de maxia a cargo dos magos Dani García e Noel. Está dirixido a nenos e nenas de entre 8 e 14 anos e ofértanse un total de 50 prazas (25 en Bertamiráns e 25 no Milladoiro). É necesario inscribirse e pódese facer chamando ao número de teléfono 981 53 59 40, dende o día 21 ata o 25 de novembro, en horario de 9:00 a 14:00 horas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "El Festival da Maxia de Ames incluye tres galas y espectáculos en los colegios"
El Correo Gallego: "O Festival de Maxia aterra en Ames cun espectáculo infantil"