Pestanas principais

Preséntase a décimo primeira edición do Certame Literario de narrativa e poesía do Concello de Ames

Venres, 07 de marzo de 2014

[07-03-2014] O Certame Literario de narrativa e poesía, que convoca de forma anual o Concello de Ames, entra na súa segunda década de existencia. Xa son 11 os anos nos que a Concellaría de Cultura convoca este certame literario, unha traxectoria que o foi consolidando como referente para novos creadores e creadoras e para autores e autoras consagrados. Este certame conta cun amplo número de participantes de todo o territorio galego e mesmo, algúns anos, recibíronse traballos de fóra de Galicia. Para celebrar a entrada na segunda década de existencia desta iniciativa mantense o importe dos premios, que foran incrementados na edición anterior co gallo do décimo aniversario. Poderá participar no concurso calquera persoa que presente textos inéditos escritos en lingua galega. Os traballos poderán presentarse ata o día 19 de abril. En cada modalidade do certame (narrativa e poesía) establécense tres categorías e, en cada categoría, tres premios. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases do certame literario.

O Certame Literario Concello de Ames xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é xa un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen poñer en práctica a súa capacidade para crear e medir os límites da súa imaxinación. Este ano, o certame chega á súa décimo primeira edición e o goberno municipal decidiu manter o importe dos premios, que foran incrementados na edición anterior.

A concellaría de Cultura, María Eugenia Martín, destacou que “o certame literario está aberto tanto a os novos creadores/as coma aos autores/as xa consagrados. Ademais, serve para incentivar a todas aquelas persoas que lles gusta escribir pero non se atreven a dar o paso”. María Eugenia Martín engadiu que se “trata dun certame xa consolidado no panorama literario galego. Unha boa mostra diso é que nas dez edicións anteriores recibíronse preto de 1.200 traballos”.

Dúas modalidades: poesía e narrativa
Existen tres categorías en cada modalidade do certame (poesía e narrativa). Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos poderán participar na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis. Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría, 180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira. Os gañadores anunciarase publicamente o 14 de maio e os premios entregaranse o venres, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro.

Ademais destes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nun libro colectivo que recompila os traballos premiados en cada edición.

O certame será difundido por toda Galicia, enviaranse as bases a todos os concellos, á Rede de bibliotecas de Galicia e aos os centros de ensino da comarca. Ademais, vaise facer unha importante difusión a través da rede. Cómpre destacar que sempre se reciben traballos de todo o territorio galego e doutras procedencias moito máis afastadas do noso concello.

Presentación dos traballos ata o 19 de abril
Todas as persoas que desexen participar no certame deberán enviar antes do 19 de abril catro exemplares do seu texto, en folios mecanografados por unha soa cara, a dobre espazo e tamaño de letra 12 ao enderezo Concello de Ames (Servizo de Normalización Lingüística), Avenida de Azcárraga número 5, Bertamiráns, 15220 Ames, A Coruña. A extensión mínima será de 2 páxinas en narrativa e de 20 versos en poesía, mentres que a máxima será de 6 páxinas en narrativa e de 50 versos en poesía. Ademais, cómpre lembrar que o tema é libre e que só se poderá presentar un traballo por persoa en cada unha das modalidades.

Outro dos puntos importantes reflectidos nas bases do certame advirte que nos textos non poderán aparecer os datos persoais do autor ou autora nin a súa sinatura. Así, en cada un dos catro exemplares enviados terá que figurar a modalidade na que participa (narrativa ou poesía), a categoría (1ª, 2ª ou 3ª) e o pseudónimo do autor ou autora. Para garantir o anonimato, os participantes terán que introducir os seus datos persoais (nome, apelidos, idade, fotocopia do DNI, teléfono, enderezo postal e electrónico) nun sobre pechado no que, por fóra, figure o pseudónimo e o título do traballo. As persoas menores de idade deberán achegar os datos dunha persoa maior de idade que exerza como representante legal. O sobre cos datos persoais e as catro copias do texto introduciranse nun sobre máis grande. No remite deste sobre grande terá que marcarse claramente, de novo, a modalidade, a categoría e o pseudónimo do autor ou autora (nunca o nome real).

O Concello de Ames, en colaboración con FEIRACO, empresa patrocinadora do certame, publicará os traballos premiados nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando aos autores con cinco exemplares do volume que se edite. As persoas gañadoras do certame deberán entregar posteriormente os textos en formato dixital, e, se os autores publican pola súa conta un dos textos gañadores, deberán facer referencia ao premio obtido neste certame. Os dez libros de recompilacións publicados ata o de agora, recollen un total de de 180 traballos que foron premiados neste concurso (cada antoloxía publicada contén os 18 traballos premiados de cada edición).

Para máis información poden chamar ao número de teléfono 981 884 991 ou enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.org correspondente ao Servizo de Normalización lingüística (SNL) do Concello de Ames.