Pestanas principais

Preséntase a convocatoria de subvencións ao comercio na Mesa Local de Comercio

Mércores, 19 de decembro de 2012

[19-12-2012] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa Local de Comercio. Nesta reunión presentouse a convocatoria de subvencións ao comercio local correspondente ao exercicio 2012. Tamén se abordou a presentación da nova composición da Mesa Local de Comercio. Por último houbo tempo para atender as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio. Nesta xuntanza, que estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, estiveron representadas as catro asociacións de profesionais e comerciantes do concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar).

A orde do día estivo composta por catro puntos. No primeiro punto abordouse a aprobación da acta correspondente á xuntanza anterior da Mesa Local de Comercio. No segundo punto tratouse a presentación da nova composición da Mesa Local de Comercio, que foi modificada a través do decreto 2723/2012. Neste punto aprobouse a incorporación da técnica municipal de Turismo e do tesoureiro da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI). O pasado 13 de decembro esta asociación comunicoulle ao Concello de Ames a composición da súa nova directiva, así como designou ao tesoureiro, Alejandro Righi y Nieves, como representante desta asociación na Mesa Local de Comercio.

A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor. Tamén asistiron Rosa Ana Prada, secretaria do Concello de Ames, Bernardo Moar, concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Alfredo Taboada, concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfonso Rey, concelleiro do grupo municipal popular, Jorge Couñago, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ames, Sonia Moure, técnica municipal de turismo do Concello de Ames, María Carmen García, representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, e Óscar Porral, representante da Unión de Consumidores de Galicia.

Por parte das asociacións de profesionais e comerciantes do concello asistiron Juan Carlos Zaera, presidente da Asociación de Comerciantes de Bertamiráns, Salomé Blanco, representante da Asociación de Empresarios Novo Milladoiro, José Manuel Fernández, presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar, Dolores Mella, presidenta da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro, e Alejandro Righi, tesoureiro desta última asociación.

Convocatoria de axudas ao comercio local
O terceiro punto que se tratou na Mesa Local de Comercio foi a aprobación da convocatoria de subvencións ao comercio local. Neste exercicio, a convocatoria de subvencións está dotada de 25.000 euros. Esta contía repártese en dous capítulos. A primeira partida, destinada á promoción comercial está dotada de 19.000 euros, mentres que a segunda partida estará destinada a infraestruturas e equipamentos e disporá de 6.000 euros.

Unha vez aprobadas as bases da convocatoria de axudas ao comercio local na Mesa Local de Comercio agora deberán ser aprobadas pola Xunta de Goberno Local. Posteriormente, as bases serán publicadas no Boletín Oficial da Provincia (BOP) e a partir dese momento poderanse presentar as solicitudes para concorrer a esta convocatoria de axudas.

A través desta liña de axudas a concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación pretende achegarlle ao comercio amiense o maior número posible de clientes; mellorar a calidade da actividade comercial do Concello; e promover a existencia dunha actividade estable de promoción e mellora do comercio dentro do ámbito territorial do Concello.

No cuarto e último último punto da orde do día atendéronse as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio.