Pestanas principais

Preséntase a campaña “Faino por ti, faino por todos” para fomentar a limpeza das parcelas que se atopan en estado de abandono

Mércores, 12 de agosto de 2015

[12-08-2015] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da campaña “Faino por ti, faino por todos”. O alcalde de Ames, José Miñones, e o concelleiro de Urbanismo, Blas García, foron os encargados de presentar esta iniciativa, a través da cal o Concello de Ames pretende concienciar á veciñanza amesá de que é necesario que limpe os seus terreos para evitar que acaben cheas de maleza. Trátase dunha campaña en positivo para concienciar á cidadanía e aos propietarios de parcelas para que non as deixen en estado de abandono.


O alcalde de Ames, José Miñones, indica que “esta é unha campaña para todo o ano. O obxectivo é que a cidadanía se vaia concienciando de que ten que limpar as súas parcelas, sobre todo as fincas que están en lugares visibles nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, pero tamén no rural no que hai parcelas totalmente abandonadas e que son un gran perigo ante o risco de incendios forestais. O que pretendemos é realizar un traballo de prevención durante todo o ano para evitar o risco de incendios forestais. Por iso sacamos esta campaña para fomentar a limpeza das fincas particulares”.

Baixo o titulo “Faino por ti, faino por todos. Se tes un terreo é necesario que o manteñas coidado e libre de maleza”, o Concello quere potenciar a actitude solidaria de todos os veciños e veciñas co obxectivo de mellorar a vida cotiá de todos e mellorar a imaxe dos terreos e dos espazos verdes do termo municipal. Trátase dunha campaña en positivo para concienciar á cidadanía e aos propietarios de parcelas para que non as deixen en estado de abandono e cheas de maleza. Con esta iniciativa desenvolvese unha primeira fase de concienciación e colaboración cos propietarios/as de maneira solidaria e pensando no resto dos veciños/as de Ames.

O concelleiro de Urbanismo, Blas García, explica que “dende que chegamos ao goberno o departamento de urbanismo está tramitando un gran número de denuncias de particulares sobre a limpeza de parcelas nas zonas urbanas e rurais. É doado facer un visita por Bertamiráns e polo Milladoiro e ver parcelas en estado de abandono que se compraron hai anos para a promoción de vivenda e que finalmente debido á crise quedaron sen ser usadas para tal fin”.

Procedemento administrativo
Por outra banda, Blas García destaca que “o problema que ten o Concello á hora de actuar é que ten que respectar os procedementos administrativos para limpar estas fincas, e iso implica a apertura dun expediente, facerlle unha comunicación ao propietario cun tempo de 10-15 días para presentar alegacións, e se non proceden á limpeza da finca, execútase a limpeza e pásaselle a factura ao propietario”. Ademais, o edil de Urbanismo, incide en que “as maiores dificultades que ten o Concello para afrontar a limpeza destas fincas é cos bancos e coa SAREB, xa que presentan constantemente alegacións para dilatar o proceso e non limpar”.

Esta campaña difundirase a través da páxina web municipal, das redes sociais (Facebook e Twitter), coa publicación dun bando que se colocará en todos os taboleiros de anuncios do Concello, e con comunicacións aos propietarios que teñen que realizar estes traballos de limpeza.

Interacción cos veciños/as
Unha parte importante desta campaña é que o Concello de Ames habilitou un correo electrónico específico: urbanismo@concellodeames.org para recoller as protestas e denuncias dos veciños/as sobre a limpeza das fincas que estean en estado de abandono. Estas achegas tamén se poden facer a través das redes sociais (Facebook e Twitter) do Concello.
Ames dispón de dun gran contorno verde e natural. Dende o Concello son conscientes da necesidade de dispor de recursos e dotacións naturais, para que todos os veciños e veciñas poidan gozar dun xeito agradable. Pero todo iso non é suficiente se á veciñanza non colabora no coidado do medio natural. Por iso, dende a concellaría de Urbanismo acaban de poñer en marcha unha campaña a través da cal se pretende concienciar a cidadanía e aos propietarios para que limpen as parcelas que están abandonadas e cheas de maleza nos núcleos urbanos de Bertamiráns e O Milladoiro, así como nas parroquias e zonas do rural.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames abre un frente contra la maleza y fincas abandonadas"
El Correo Gallego: "Ames pide la limpieza de parcelas particulares ante el alto riesgo de incendios"