Pestanas principais

Preséntase a campaña de promoción do comercio local e as actividades lúdicas de Nadal

Venres, 16 de novembro de 2012

[16-11-2012] O Pazo da Peregrina acolleu esta mañá unha nova xuntanza da Mesa Local de Comercio. Nesta reunión presentouse a campaña de promoción do comercio local e as actividades lúdicas que se desenvolverán durante a época de Nadal. Tamén se abordou a nova composición da Mesa Local de Comercio. Por último houbo tempo para atender as propostas, rogos e preguntas dos axentes implicados na Mesa Local de Comercio. Nesta xuntanza, que estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor, estiveron representadas tres asociacións de profesionais e comerciantes do concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar).

A orde do día estivo composta por catro puntos. No primeiro punto abordouse a aprobación da acta correspondente á xuntanza anterior da Mesa Local de Comercio. No segundo punto tratouse a nova composición da Mesa Local de Comercio, que foi modificada a través do decreto 2369/2012. Neste punto aprobouse a incorporación da nova representante da Dirección Xeral de Comercio, María Carmen García, e a exclusión da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI) ata que non lle comuniquen ao Concello a composición da nova directiva desta asociación.

Entre os meses de agosto e outubro do presente ano o Concello de Ames recibiu varias comunicacións de dimisión por parte de diferentes membros da directiva da Asociación de Empresarios, Comerciantes e Profesionais do Milladoiro (AEMI). En concreto os membros que dimitiron foron o presidente, a vicepresidenta e secretaria desta asociación. Dende a comunicación das dimisións non se lle notificou ao Concello a composición da nova directiva da Asociación de Empresarios do Milladoiro, comunicación que debe producirse no prazo de dous meses, tal e como dispón a lei e o propio Regulamento do Rexistro Municipal de Asociacións municipal.

Dende o Concello de Ames procurouse ter coñecemento da nova composición da Xunta directiva de AEMI por diversas vías, resultando todas infrutuosas, e lembróuselle a obriga de comunicar a composición da nova Xunta directiva co fin de cumprir a lexislación vixente. Ao non ter constancia da nova directiva de AEMI procedeuse a modificar a composición da Mesa Local de Comercio. Neste órgano mantense a representación das outras asociacións de profesionais e comerciantes do concello (Asociación de Comerciantes de Bertamiráns; Asociación de Empresarios Novo Milladoiro; e Asociación de Pequenos Comerciantes Viorneira, Palmira Bulebar).

A Mesa Local de Comercio estivo presidida polo alcalde de Ames, Santiago Amor. Tamén asistiron Rosa Ana Prada, secretaria do Concello de Ames, Bernardo Moar, concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo, Turismo e Educación, Alfredo Taboada, concelleiro de Vías, Obras, Parques e Xardíns, Alfonso Rey, concelleiro do grupo municipal popular, Jorge Couñago, axente de emprego e desenvolvemento local do Concello de Ames, e Miguel López, representante da Unión de Consumidores de Galicia. A representante da Dirección Xeral de Comercio da Xunta de Galicia, María Carmen García, non puido asistir a devandita xuntanza.

Campaña de Nadal
Outro dos puntos que se tratou na Mesa Local de Comercio foi a aprobación da campaña de promoción do comercio local e as actividades lúdicas que se desenvolverán durante a época de Nadal. O Concello de Ames ten entre as súas prioridades velar polo bo desenvolvemento socioeconómico das empresas situadas no seu término municipal, é por iso, que considerando que o comercio retallista é o principal sector empresarial no concello de Ames e que as festas de Nadal supoñen un alto porcentaxe das vendas para o sector do pequeno comercio, vai organizar diferentes actividades durante a época de Nadal para incentivar as ventas no sector comercial amiense.

Este ano a intención do Concello de Ames é implicar aos nenos e nenas nesta campaña xa que son os principais protagonistas das festa de Nadal. Deste xeito, preséntanse unha serie de actividades centradas na Ilusión de Nadal, que pretenden favorecer e incentivar o sector comercial do concello e que dote o comercio dunha campaña común que favoreza a ilusión dos nenos/as por estas festas. A través desta iniciativa o que se intenta é xerar ilusión entre as familias.

O Concello mantén varias actividades que xa se levan desenvolvendo durante os últimos anos como son o concurso de escaparatismo, a ludoteca ou o alumeado de Nadal. Pero ademais desta actividades desenvolveranse outras que se estarán relacionadas co lema desta campaña, a Ilusión de Nadal. Deste xeito, decoraranse os escaparates con ilusión ópticas; haberá xogos de maxia e unha exposición de ilusións ópticas. A través desta actividades tratarase de implicar aos nenos e nenas na Campaña de Nadal. Algunha destas iniciativas tamén estará dirixida ao alumando dos diferentes centros de ensino amienses.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames reforzará la programación de Nadal para incentivar el comercio"
El Correo Gallego: "Preséntase a campaña de promoción do comercio local e as actividades lúdicas de Nadal"