Pestanas principais

Preséntase a campaña de Orzamentos Participativos 2018 onde haberá unha partida de 60.000 euros para a área de mocidade

Xoves, 12 de abril de 2018

[12-04-2018] O goberno municipal presentou esta mañá a campaña de Orzamentos Participativos 2018 baixo o lema “En Ames participamos e decidimos no noso concello!”. Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

Presentación de propostas do 16 de abril ao 16 de maio
A campaña de Orzamentos participativos 2018 comezará o vindeiro 16 de abril, momento no que se poderán comezar a presentar as propostas. Todas as persoas que o desexen poderán facer as súas achegas ata o 16 de maio. Todas as persoas poden informarse nas dependencias municipais, dirixíndose ao departamento de Servizos Económicos e á Oficina de Información Xuvenil (OMIX). Para elo hai que chamar ao número de teléfono do Concello (981 883 002) e dicir que lles pasen con ditos departamento. Tamén se informará nas Asembleas Informativas e na propia web do Concello (www.concellodeames.gal). As propostas presentaranse a través do formulario de propostas e poderán entregarse directamente no Rexistro municipal (presencial ou telematicamente) ou nas Asembleas Informativas (que se rexistrarán posteriormente).

Unha vez rematado o prazo de presentación de propostas o persoal técnico municipal seleccionará as propostas que sexan viables legal, técnica e orzamentariamente, dende o 21 de maio ata o 18 de xuño. As propostas seleccionadas priorizaranse pola Comisión dos Orzamentos Participativos, formada por representantes de asociacións, persoal técnico municipal e goberno. Dende o goberno municipal agardan contar na Comisión de Orzamentos Participativos cun representantes das parroquias de Agrón e Ames, xa que en 2017 non foi posible. Nunha xuntanza previa realizada o pasado 3 de abril xa asistiu un representante destas dúas parroquias.

Asemade, acordouse nomear unha comisión de Orzamentos participativos 2018 para a Mocidade, que traballara de xeito paralelo para valorar os investimentos e actividades asociadas á mocidade, por entender que podería ser máis operativo que traballar de xeito conxunto todo nunha soa comisión. Hai dúas maneiras de participar nesta iniciativa: unha facendo propostas e; outra, votando as propostas. Calquera persoa pode facer propostas de investimentos, actividades ou programas. Para votar as propostas hai que estar empadroado en Ames e con 16 anos cumpridos. No caso dos investimentos e actividades para a mocidade só poderán votar as persoas que teñan como máximo 30 anos cumpridos.

O técnico de participación da empresa Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais, Sociedade Cooperativa Galega, Luís García, incidiu en que “a gran novidade da campaña deste ano está na inclusión da área de mocidade para que sexan os mozos e mozas os que decidan en que queren investir unha partida de 60.000 euros. Para iso precisamos a implicación da mocidade. Para iso vamos a organizar varias reunións informativas e tamén se farán dous obradoiros nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro para traballar na creación de propostas”. 

Asembleas informativas do 16 ao 27 de abril

Faranse asembleas informativas dos Orzamentos participativos da mocidade. Serán os 16 e 23 de abril, ás 19:00 horas, salón de plenos da Casa do Concello, en Bertamiráns, e na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais, faranse dous talleres para a ideación de propostas nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro. A maiores a mocidade tamén poderá participar nas diferentes asembleas do rural que se desenvolverán entre o 17 e o 27 de abril nos locais sociais da Ameixenda, Covas, Augapesada, Agrón, Trasmonte, Tapia, Piñeiro, Ortoño, Biduído, Bugallido, Oca e Lens. Posteriormente, faranse asembleas de votación, do 25 de xuño ao 5 de xullo, para a mocidade e para o rural nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. Deste xeito, as propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento municipal para ser realizadas en 2018.

Por último, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, dixo “a posta en marcha, por segundo ano consecutivo, desta campaña é unha clara mostra de que en Ames hai un goberno máis democrático e máis participativo que en épocas anteriores. É moi de agradecer que se estenda esta iniciativa á mocidade e ao ámbito educativo. É a primeira vez que se lle vai a oportunidade aos mozos e mozas de Ames, para que decidan que investimentos e actividades desexan organizar. Neste traballo contarse coa implicación dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro”.


A presentación desta iniciativa correu a cargo do alcalde de Ames, José Miñones, da concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, da concelleira de Mocidade, Silvia Dapena, do concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, e do concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García. Tamén acudiron a técnica de mocidade, Pilar Villaverde, e mailo técnico de participación da empresa Cidadanía Rede de Aplicacións Sociais, Sociedade Cooperativa Galega, Luís García, que presta o servizo para a implantación, posta en marcha e desenvolvemento do proxecto de Orzamentos Participativos 2018, ademais do asesoramento técnico e asistencia en procesos participativos nas distintas áreas do Concello.

O alcalde de Ames, José Miñones, comezou dicindo “hoxe presentamos este segundo proceso de Orzamentos Participativos, do que cómpre salientar a inclusión dun apartado específico para a mocidade. Xa que Ames é o concello máis novo de Galicia, consideramos fundamental incluír á xuventude na toma de decisións e na xestión económica do concello. Desde o goberno municipal queremos destacar a ampla participación e a elevada valoración que o primeiro proceso de Orzamentos Participativos tivo entre a veciñanza do rural amesán. Neste sentido, esperamos que este segundo proceso goce do mesmo éxito que o anterior”.

Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000 €) e outro no Milladoiro (25.000 €) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.

A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, destacou que “por segundo ano consecutivo poñemos en marcha esta campaña de participación veciñal. Seguimos apostando por un modelo que funcionou moi ben en 2017, e ademais, este ano engadímoslle un aspecto diferenciador como é unha forte aposta pola mocidade, para investimentos en acondicionamento de espazos para a xuventude e actividades dirixidas a este sector poboación, incrementando a cantidade asignada a esta iniciativa que acadará preto dos 200.000 euros”.

Genma Otero engadiu “trátase dun proceso de participación que se abre a toda a veciñanza para que poidan achegar as súas propostas dende o 16 de abril ata o 16 de maio. Posteriormente abrirase un prazo de votación no que poderán participar as persoas maiores de 16 anos. Para os Orzamentos Participativos para a Mocidade estableceuse un límite na idade das persoas con dereito de votación que é de 30 anos, mentres que nas propostas feitas para o rural non hai límite de idade. O 5 de xullo rematará o proceso de votación e o venres 6 de xullo farase o reconto de votos co obxectivo de coñecer as propostas con maior número de votos”.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los vecinos de Ames podrán decidir en qué se gasta el Concello 192.000 euros"
El Correo Gallego: "Presupuestos participativos en Ames para jóvenes y rural"