[09-06-2018] O pasado 16 de maio rematou o prazo para presentar propostas aos Orzamentos Participativos de 2018. Unha vez contabilizadas todas as propostas presentadas, pódese dicir que este proceso tivo unha gran participación por parte da veciñanza amesá que achegou preto de 500 propostas. Este ano conseguiuse que todas as parroquias presentasen propostas e que haxa representantes de todas as parroquias na Comisión de Orzamentos Participativos. Tamén cómpre salientar o incremento no número de propostas presentadas para o rural (387 propostas) e 103 propostas presentadas pola mocidade, que suman un total de 490. Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto (132.0000 euros para o rural e 60.000 euros para a mocidade).
Reunións das comisións de Orzamentos Participativos 2018
Asemade, o 14 de maio as 20.00 horas na Casa do Concello constituíuse formalmente a Comisión de Orzamentos Participativos 2018 para a Mocidade, que traballara de xeito paralelo para valorar os investimentos e actividades asociadas á mocidade, por entender que podería ser máis operativo que traballar de xeito conxunto todo nunha soa comisión.
Agora, convócase a segunda xuntanza da comisión de Orzamentos Participativos 2018 para a Mocidade para este luns, 11 de xuño, ás 20:00 horas, no Pazo da Peregrina, onde se informarán e analizarán as propostas presentadas para a mocidade. O mércores 13 de xuño, ás 20.30 horas, no Pazo da Peregrina convocouse aos representantes das parroquias para a constitución da Comisión de Orzamentos Participativos do rural 2018 e de seguido, informar e analizar as propostas presentadas para o rural.
Posteriormente, faranse asembleas de votación, do 25 de xuño ao 5 de xullo, para a mocidade e para o rural nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nos locais sociais das parroquias do rural. As persoas que desexen votar teñen que acudir co seu DNI. Deste xeito, as propostas que acaden maior número de votos incorporaranse ao Orzamento municipal para ser realizadas en 2018.
Este ano 2018, o goberno municipal destina 192.000 euros para que a veciñanza de Ames faga propostas e decida o seu gasto. A contía de 132.000 euros repartidos en partes iguais (12.000 euros) por cada unha das 11 parroquias para investimentos no rural: Lens, Tapia, Piñeiro, Ameixenda, Trasmonte, Agrón, Covas, Bugallido, Ames, Biduído e Ortoño. Ademais, 50.000 euros destinaranse a dous investimentos para o acondicionamento de dous espazos abertos dirixidos a mocidade, localizados un en Bertamiráns (25.000€) e outro no Milladoiro (25.000€) e 10.000 euros destinaranse a actividades ou programas dirixidos á mocidade do Concello.
A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, explica que “dende o goberno de Ames amosamos a nosa satisfacción e agradecemento a todas as persoas que participan no proceso de Orzamentos Participativos 2018 e que presentaron este número tan elevado de propostas que chegan a preto de 500, entre as que hai 100 propostas da mocidade. Unha cifra máis que satisfactoria da que todas debemos estar orgullosas. Toca seguir traballando na avaliación e priorización das propostas como fase previa as votacións finais. Unha vez máis demostramos que os modelos participativos son enriquecedores porque amosan o sentir da cidadanía e son un banco de ideas moi valioso”.
O proceso dos Orzamentos Participativos 2018, posto en marcha a comezos do pasado mes de abril segue avanzando. Deste xeito, vén de pecharse o reconto de propostas presentadas do 16 de abril ao 16 de maio. En total presentáronse 490 propostas (387 presentadas para os Orzamentos Participativos do rural e 103 para os Orzamentos Participativos da mocidade).
Do 17 ao 27 de abril realizáronse todos os días xuntanzas informativas nos locais sociais, sumando no total 12 encontros entre membros do goberno municipal e as veciñas e veciños das diferentes parroquias. En total participaron nestas xuntanzas informativas arredor de 350 persoas, se sumamos a veciñanza das parroquia, a xuventude implicada, os membros do goberno asistentes, a técnica municipal de Mocidade e o persoal da empresa Cidadanía Sociedade Cooperativa Galega. Destas 350 persoas, 200 foron veciñas e veciños do rural e máis dun cento alumnado dos centros de ensino secundario do concello.
No rural cómpre destacar a implicación da veciñanza de todas as parroquias. Así, conseguiuse que as 11 parroquias estean representadas na Comisión do rural (o ano pasado Agrón e Ames non tiveron representación) e que todas as parroquias presentaran propostas (o ano pasado Agrón non presentou ningunha proposta). Ademais, houbo un considerable incremento do número de propostas presentadas para o rural. Para a parroquia de Agrón presentáronse 159 propostas; en Ortoño 57; en Ames 40; en Biduído 38; en Covas 32; en Piñeiro 28; en Bugallido 13; en Tapia 6; en Trasmonte 6; na Ameixenda 5; e en Lens 3.
Ademais, este ano como novidade, abriuse un proceso de Orzamentos Participativos para a mocidade dividida en dúas partes: actividades e investimentos. En total, presentáronse 103 propostas (56 para actividades e 47 para investimentos) que foron ideadas e elaboradas nos obradoiros realizados nos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro e nas asembleas coa mocidade. Agora, o seguinte paso, é avaliar as propostas para ver si son viables legal, técnica e orzamentariamente.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Casi 500 propuestas de todo Ames para los Orzamentos Participativos"
La Voz de Galicia: "Ames recibe cerca de 500 propuestas para los presupuestos participativos"




