[19-04-2016] O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación da auditoría enerxética das instalacións de alumeado público da zona rural e das áreas periurbanas do concello de Ames. Este traballo, que foi encargado polo goberno municipal á FAEPAC (Fundación Axencia Enerxética de A Coruña), divídese en dúas partes. No pasado mes de setembro presentouse a primeira parte deste estudo relativo ás instalacións de alumeado público do Milladoiro, Bertamiráns e do polígono NovoMilladoiro. Agora, presentouse esta mesmo estudo pero das áreas rurais e das urbanizacións periféricas dos núcleos urbanos.
Os encargados de facer a presentación desta auditoría enerxética foron o alcalde de Ames, José Miñones, os voceiros dos grupos municipais de PSdeG-PSOE, Blas García, Contigo Pódese, Genma Otero, e BNG, David Santomil, así como o técnico da Fundación Axencia Enerxética da Coruña (FAEPAC), Xosé Manuel Golpe.
O alcalde de Ames, José Miñones, explica que “as propostas que se recollen neste traballo van ser abordadas como un compromiso de goberno. Vamos a estudar con detalle a auditoría que acabamos de presentar para poder ver que solucións se poden adoptar. Xa levamos varios meses traballando en varias alternativas, pero o importante é que esta auditoría márcanos o camiño que temos que seguir. Temos o hándicap económico, pero teremos que ver as alternativas de financiamento que temos. O programa Ames 2020 recolle a posibilidade de que nos concedan unha axuda para a mellora da eficiencia enerxética. Nestes intres estamos agardando a que nos dean unha resposta sobre a resolución desta axuda”.
Dentro das áreas rurais, e as urbanizacións periféricas dos núcleos de Milladoiro e Bertamiráns, analizáronse un total de 129 cadros de mando, que sumados aos 44 analizados previamente na zona urbana de Bertamiráns e do Milladoiro suman un total de 173 alumados. Cifra que aumenta en 17 unidades aos rexistrados polo servizo de mantemento do Concello (156). Ao igual que no caso das instalacións urbanas, as de ámbito rural, analizáronse dentro dos aspectos, funcional, de eficiencia enerxética, e de seguridade eléctrica e mecánica.
Revisáronse un total de 4.857 puntos de luz, sendo a tecnoloxía de vapor de mercurio, a máis presente nos puntos de luz analizados, cun 64,18% sobre o total. Segundo se recolle na auditoría isto é un importante inconveniente xa que provoca unha alta contaminación lumínica e un rendemento lumínico bastante baixo, acadando valores de entre 40 e 60 Lm/W. A duración destas lámpadas ronda as 8.000 horas. Ademais, actualmente na zona rural e nas urbanizacións do municipio hai unha potencia instalada de 529 kW o que ocasiona un consumo anual de 1.980 kW e un gasto anual para as arcas do Concello de 208.319 euros.
Nas urbanizacións das periferias, dentro do aspecto funcional, non se atopan feitos moi relevantes, agás o abuso na utilización de luminarias tipo globo, con alto factor de contaminación lumínica. Púidose comprobar que, dado o estado de conservación, á localización física e á mala regulación dos interruptores crepusculares, están a incrementar as horas de funcionamento dos alumados nunha media de 3 horas anuais. Para o caso dos interruptores astronómicos, observouse un correcto funcionamento.
Por outra banda, existen moitas luminarias con alto factor de contaminación lumínica, polo que se está a desperdiciar gran cantidade de luz, en contaminar a noite de Ames, no canto de subministrala cara as áreas a iluminar. Tamén se detectou que a meirande parte dos redutores de fluxo instalados (99%), non están a funcionar, ou se atopan ponteados. Outro dos principais problemas detectados é que hai subministros que están sen contrato por parte da compañía eléctrica distribuidora. O sistema instalado actualmente provoca un déficit de iluminación xeneralizado, uniformidade moi baixa e interdistancias entre os puntos de luz moi longas.
Medidas de aforro
Na auditoría realizada propóñense unha serie de medidas de aforro, e óptase por acudir de xeito maioritario á tecnoloxía LED, con luminarias de dobre nivel, programadas con antelación á instalación. Dentro das luminarias e zonas de iluminación, óptase por unha luminaria de tipo viario, para aquelas zonas de alta densidade de tráfico, con velocidades superiores a 50 km/h, ou áreas moi abertas con grande afluencia de vehículos e peóns. Outra luminaria escollida para a meirande das áreas rurais, non deixa de ser a mesma luminaria viaria, con menor potencia, e con fotometría asimétrica, que permite cubrir grandes áreas en sentido lonxitudinal.
Para o caso das luminarias tipo “villa,” ao igual que nos núcleos urbanos, tomouse a opción de axeitar a luminaria existente a través dun módulo led. No caso das luminarias de tipo “globo”, con alto factor de contaminación lumínica, e baixo rendemento, a luminaria escollida conserva as formas redondeadas, se ben o seu FSH é inferior ao 3%, e as potencias non soben de 35W. Dentro da valoración das medidas propostas, tívose en conta a actualización de cadros cara ao cumprimento do disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión, e outras disposicións relativas ao funcionamento e seguridade eléctrica e mecánica. Tamén se tivo en conta a reparación de apoios, substitución de condutor nu, por condutor illado, reparación de vanos con fiador danado e substitución de caixas de derivación deterioradas.
Despois de realizar as propostas recollidas na auditoría da zona rural pasaríase a dispor de 118 cadros de mando (11 cadros menos), 4.898 puntos de luz (isto suporía un incremento de 41 puntos de luz) e diminuiría a potencia instalada a 298 kW. Paralelamente baixaría o consumo anual que pasaría a ser de 977 kW e o gasto anual que sería de 102.777 euros, o que suporía un aforro ao ano de 105.542 euros. Deste xeito, a redución no consumo e no custo anual sería do 50,66%. O desenvolvemento destas propostas tería un custo para o Concello de 3.214.717 euros e a taxa prevista de retorno bruto, ou sexa o que se tardaría en recuperar a inversión, acadaría unha media de 30 anos.
Miñones tamén apunta que “preocúpannos varios temas pero un dos principais é o da seguridade. Neste senso temos que acometer actuacións de xeito urxente. As medidas que adoptemos van a ter unha contrapartida importante, que se traduce nun aforro económico do 50% e de 240.000 euros o ano. Tamén se melloraría a eficiencia enerxética, reduciríase o consumo en máis de dous millóns de kilovatios e pasaríamos a cumprir a normativa legal vixente que ata o de agora non se está cumprindo”.
Auditoría en Bertamiráns e no Milladoiro
Por outra banda, no que se refire a instalación do alumeado público de Bertamiráns e do Milladoiro, na auditoría recóllese a existencia de liñas de alumado que se atopan nun estado obsoleto e outras cun nivel de sobre iluminación importante. Tamén se detectaron equipos de aforro que non funciona, luminarias que non concordan en servizo e eficiencia con respecto ao lugar onde están situadas e mesmo contadores coa hora desaxustada o que supón penalizacións diarias na tarifa a pagar. Ademais, o estudo sinala algúns defectos de seguridade. Neste caso na auditoría apóstase claramente pola tecnoloxía led, substituíndo a meirande parte das lámpadas de descarga por led.
O aforro económico que se pode conseguir coas pautas que indica a auditoría é do 64% con respecto ao que o Concello gasta en luz na actualidade, mentres que o aforro medio de consumo se sitúa nun 80%. O nivel de inversión sitúase en 900.000 euros, 491.000 para a zona do Milladoiro e 403.000 para Bertamiráns e a taxa prevista de retorno bruto, ou sexa o que se tardaría en recuperar a inversión, acadaría unha media de 6 anos.
Facendo unha análise integral de todo o municipio o investimento sería de arredor de 4.000.000 euros e unha taxa de retorno bruto duns 17 anos.
Contido relacionado

El Correo Gallego:"Ames confía en las ayudas y 2 electricistas para mejorar la iluminación por 4 millones"
La Voz de Galicia:"Ames necesita cuatro millones de euros para rebajar un 64 % el gasto de luz y hacerla sostenible"




