Pestanas principais

Preséntanse 130 traballos inéditos ao XI Certame Literario Concello de Ames

Venres, 25 de abril de 2014

[25-04-2014] A décimo primeira edición do Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía tivo moi boa acollida entre os amantes da literatura e os novos creadores/as. Rematado o prazo de presentación das obras, recibíronse un total de 130 traballos procedentes de moi diversos puntos xeográficos. Na modalidade narrativa presentáronse un total de 76 traballos, mentres que na modalidade de poesía participan 64 persoas cos seus textos inéditos. O xurado, composto por os recoñecidos autores do panorama literario galego; Begoña Caamaño, Carlos Negro e Charo Pita, está comezando a valorar os traballos recibidos para decidir os gañadores/as que se darán a coñecer o día 14 de maio. A entrega de premios celebrarase o venres, 16 de maio, nun acto público na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Certame Literario Concello de Ames xa se converteu nun concurso de referencia dentro do mundo da poesía e narrativa de Galicia. Dirixido a todos os e as amantes da literatura, sexa cal sexa a súa procedencia, este concurso é un referente para os novos creadores e creadoras, e supón unha boa oportunidade para todas aquelas persoas que desexen medir a súa capacidade para escribir e os límites da súa imaxinación.

A décimo primeira edición deste concurso xa conta cos membros que compoñerán o seu xurado oficial. Un ano máis varios profesionais de recoñecido prestixio no ámbito literario avaliarán todos os textos recibidos para as categorías de narrativa e poesía. Este ano repítese o éxito das anteriores convocatorias, con 130 traballos presentados para competir nas súas dúas modalidades. Nesta edición, a narrativa leva a voz cantante, con 76 textos participantes, por 64 de poesía.

Begoña Caamaño, Carlos Negro e Charo Pita, membros do xurado
Nesta edición o xurado estará integrado polos escritores Begoña Caamaño, Carlos Negro e Charo Pita. Begoña Caamaño é unha recoñecida xornalista e escritora galega que traballou en varios medios de comunicación, entre eles a Radio Galega. Entre as súas obras destaca a premiada Morgana en Esmelle, editada en 2012 pola editorial Galaxia, e Circe ou o pracer do azul, editada en 2009 tamén pola editorial Galaxia. A novela Morgana en Esmelle recibiu o Premio da Crítica española ao mellor libro de narrativa do ano 2012, o premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de ficción do 2012; o premio da AELG á mellor obra de narrativa do 2012 e o premio Antón Losada Diéguez de creación literaria no ano 2013.

Carlos Negro é escritor poeta e profesor de lingua e literatura galega. Ademais de participar no 2003 proxecto colectivo "Negra sombra", unha intervención poética contra a marea negra, ten colaborado en diversas revistas de literatura e poesía, entre as que se encontran Ólisbos e Dorna, así como nos boletíns literarios promovidos pola Fundación A Solaina de Piloño (Vila de Cruces). Entre as súas últimas obras poéticas destacan Penúltimas tendencias, editada en 2014 pola editorial Xerais e Makinaria, editada en 2009 tamén pola editorial Xerais. En 2008 publicou Cultivos transxénicos, que recibiu o primeiro premio de poesía Victoriano Taibo. Na modalidade de ensaio en 2010 publicou a obra Abelcebú.

Charo Pita é autora dunha decena de obras de teatro e destaca polo labor como narradora oral. Ademais, imparte obradoiros para a formación de contacontos a profesores. Como escritora, recibiu varios premios literarios e publicou o álbum infantil Igor (Kalandraka), o poemario Desde Arcadia para Govinda (Espiral Maior) e o relato Las diosas negras (Editorial Torremozas).

Dúas modalidades: poesía e narrativa
Este ano no Certame Literario de Ames mantense o importe dos premios, que foran incrementados na edición anterior co gallo do décimo aniversario. Existen tres categorías en cada modalidade do certame (poesía e narrativa). Os nenos e nenas que teñan ata 13 anos participan na primeira categoría, mentres que a segunda está dirixida a rapaces e rapazas de 14 a 17 anos e a terceira ás persoas de 18 anos ou máis.

Haberá tres premios en metálico por cada unha destas franxas de idade en ambas as modalidades, que serán de 150 euros, 120 euros e 90 euros na primeira categoría, 180 euros, 150 euros e 120 euros na segunda e 260 euros, 210 euros e 180 euros na terceira.

Os premios entregaranse o venres, 16 de maio, nun acto público que se celebrará na Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais destes premios en metálico, os gañadores e gañadoras verán publicados os seus textos nun libro colectivo que recompila os traballos premiados en cada edición.

Por último, cómpre destacar que o libro que recompila as obras dos gañadores e gañadoras do Certame Literario de 2013 será presentado na celebración do Día do Libro, que, este ano, o Concello de Ames celebra o vindeiro sábado, 10 de maio, cun acto denominado Literatura na Praza.