Pestanas principais

Presentados trece proxectos á nova convocatoria de programas de Radio Cidadá

Xoves, 22 de agosto de 2019

Dar a coñecer a xeografía, as artes e a historia local, poñer en valor a diversidade cultural e social, falar de libros, de educación, de benestar e de vida saudable, crear espazos de debate para a comunidade educativa ou para a comunidade emigrante son algúns dos obxectivos que se agochan tralas propostas presentadas á terceira convocatoria que a radio municipal, Ames Radio, fixo co obxectivo de abrir o espectro das ondas á entidades, asociacións e particulares. Os técnicos da emisora avaliarán agora as trece propostas que despois examinará o Consello Asesor da Radio. Está previsto que os novos programas comecen a emitirse no mes de outubro.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Comunicación, volveu dar a oportunidade á veciñanza de presentar os seus propios proxectos de programas de radio, para realizar en Ames Radio entre os meses de outubro e xuño. Esa foi, precisamente, unha das novidades que presenta esta terceira convocatoria, estendendo durante todo o curso a duración dos programas.

Presentáronse trece propostas, algunhas elaboradas por distintos colectivos e asociacións e outras firmadas por cidadáns particulares. A relación dos proxectos presentados pode consultarse xa na sección de Avisos nesta web e no PDF que está ao pé desta nova. Posteriormente, será o persoal técnico da emisora quen emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio, acerca de todos os proxectos recibidos.
 
Novas propostas
Compre salientar que dos trece proxectos presentados, oito repiten en relación á primeira e segunda convocatoria: Miradas, Tangos de la Esquina Sur, Vivirmos nun mundo finito, De museo, Pais na Onda, A Arte como factor integrador, Palabras que refrescan, e Ondas Novas, que muda de nome a Radio Eladio, aínda que seguirá a ser un programa de entrevistas como na pasada edición. Son proxectos xa coñecidos pola audiencia de Ames Radio e consolidados na grella de emisión da emisora municipal.

Ademais, son cinco as novas propostas presentadas a esta terceira convocatoria: Letromanías, coa que Xosé Antonio López Silva pretende achegar e analizar as novidades literarias e de obras destacadas da literatura galega e universal; Fálame da túa terra, un espazo que ten a finalidade de dar a coñecer as diferentes culturas presentes en Ames e en Galicia; Un tiempo especial, con temas e reflexións baseados na Biblia; Tres en línea, unha proposta para divulgar dun xeito ameno coñecementos de cultura xeral e específicos; e La Carabela del siglo XXI, co obxectivo de facilitar a integración do inmigrante á vida e cultura galega en xeral, e amesán en particular.

As gravacións comezarán en outubro
Unha vez que o Consello Asesor da Radio ditamine a viabilidade dos proxectos, o persoal da radio municipal orientará tecnicamente aos colaboradores sobre o modo de presentar e realizar as propostas. Está previsto que os novos programas comecen a gravarse no mes de outubro para a súa emisión. Ames Radio será a encargada de facilitar o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas.

Malia que a emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, procurarase respectar as propostas de emisión dos proxectos seleccionados. O obxectivo principal desta convocatoria é achegar a radio á veciñanza, de maneira que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poida facer un programa de radio do seu interese. Ames Radio acreditará a participación de todas as persoas colaboradoras mediante un diploma.

Ligazóns:

Compostela 24 horas: "Ames Radio acollerá trece proxectos radiofónicos na súa nova tempada"

Cartel da convocatoria de radio cidadá

Multimedia

  • Cartel da convocatoria de radio cidadá