Pestanas principais

Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”

Luns, 28 de febreiro de 2022

Esta mañá foi presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”, que se desenvolverá dende o 1 de marzo ata o 30 de abril. Con 219 establecementos adheridos e 80.000 euros en investimentos do Concello de Ames, as persoas que así o desexen poderán retirar tarxetas bono por valor de 50 euros, ás que o Concello aporta o 40% do seu valor. No caso de contar con tarxetas da campaña 2021, poderase recargar só unha delas, co mesmo valor que o ano pasado. Os bonos poderán retirarse ou recargarse dende mañá nos locais das asociacións empresariais amesás, Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Palmira Bulebar e Novo Milladoiro.

O Salón de Plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a presentación dunha nova campaña de tarxetas bono, que volve por segundo ano consecutivo co nome “Ames Progresa”. Dende mañá, martes 1 de marzo, entran en funcionamento as tarxetas, que se poderán retirar nos locais das tres asociacións de empresarios de Ames.

Ao acto asistiron o alcalde de Ames, Blas García; a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz; o técnico de Promoción Económica, Jorge Couñago, e representantes das tres asociacións comerciais e empresariais, a Xuntanza de Empresarios de Ames (XEA), Palmira Bulebar e Novo Milladoiro.

En total, uns 219 establecementos participan nesta edición da campaña, cun investimento do Concello de Ames de 80.000 euros. “Todos os establecementos terán unha pegatina no escaparate que os identifique, cun código QR con todos os locais adheridos”, sinalou a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, que agradeceu ás asociacións “a súa colaboración un ano máis na recarga e venda das tarxetas bono”.

Todas aquelas persoas que adquiriron unha tarxeta bono na edición de 2021 poderán recargala polo seu valor (só se poderá recargar unha tarxeta se se dispón das dúas), pero non poderán adquirir unha nova na edición de 2022. Ademais destas recargas, emitiranse 500 tarxetas novas de 50€, dirixidas a persoas que se sumen por primeira vez á campaña. “Foi unha das accións tomadas a partir da crise que mellor recepción tivo tanto entre os comerciantes como entre a cidadanía”, destacou o alcalde de Ames, Blas García, que incidiu na importancia de axudar á veciñanza “nuns momentos nos que parece que todo sube de prezo”.

O Concello de Ames destinará 75.000 euros a estas tarxetas, ás que aporta o 40% do seu valor. Os 5.000 euros restantes servirán para cubrir gastos de xestión das tarxetas, así como para a contratación de dúas persoas para apoiar na emisión e recarga dos bonos. “Deste xeito, tamén apoiamos o emprego local”, indicou a concelleira Ana Belén Paz. “Esperamos que se vendan todas as tarxetas e que se apoie o comercio local”, sinalou o técnico Jorge Couñago, que recordou que estes fondos funcionan non só como axuda ás veciñas e veciños, senón tamén como “unha subvención ás vendas e a actividade do comercio que suporán un volume de negocio de 187.500 euros para os establecementos adheridos”.

Horarios e lugares de retirada e recarga das tarxetas

As tarxetas poderán retirarse de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 e 19:30 horas. En Bertamiráns, o local de venda é a sede de XEA, situada na rúa do Pedregal, número 4. Pola súa banda, no Milladoiro atenderase pola mañá no local da Asociación Empresarial Novo Milladoiro, na rúa Palmeira, número 19, mentres que pola tarde as tarxetas emitiranse no local de Palmira Bulebar, na rúa Viorneira, número 1.

Do valor total da tarxeta de 50 euros, a persoa beneficiaria aportará 30 euros e o Concello de Ames 20, mentres que na de 100 euros, as beneficiarias achegarán 60 e o Concello, 40 euros. Será a parte aportada polas beneficiarias a que se gaste primeiro nas compras nos comercios e empresas amesás. Por esta razón, non se devolverá o importe dos bonos unha vez rematada a campaña. Os saldos das tarxetas poderán consultarse na páxina web www.damemisaldo.com.

Preme aquí para consultar a lista completa de establecementos adheridos á campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”.

Novas relacionadas

La Voz de Galicia: "Hoy arranca la nueva campaña de tarjetas bono de Ames, con 219 establecimientos"

El Correo Gallego: "Nuevas tarjetas bono para conseguir descuento en 219 comercios maianos"

Compostela 24 Horas: "Regresan as tarxetas bono “Ames Progresa”"

Lindeiros: "“Ames Progresa” novas tarxetas bono para incentivar o consumo"

Enfoques: "Comienza la campaña ‘Ames Progresa’, con 80.000 euros en inversiones y 219 locales adheridos"

Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”

Multimedia

  • Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”
  • Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”
  • Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”
  • Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”
  • Presentada a campaña de tarxetas bono “Ames Progresa”