Pestanas principais

Presentación do Festival Folk Val da Maía no día de apertura do prazo de recepción de maquetas

Venres, 01 de abril de 2016

[01-04-2016] "Presentamos hoxe oficialmente, coincidindo co inicio da apertura de prazo para o envío de maquetas, o Festival Folk de artistas emerxentes Val da Maía". Así falaba está mañá o concelleiro de Cultura e Educación de Ames David Santomil, na rolda de prensa que ofreceu ás 12:00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Na presentación deste festival acompañárono Rafael Feáns, representante da produtora Carpe Diem encargada de organizar o evento, e Roberto Rama, representante de Os De Abaixo. "Un grupo que queremos que sirva de exemplo aos artistas nobeis que nos acheguen o seu traballo", recalcou o concelleiro.

O Festival Folk de artistas emerxentes Val da Maía é unha proposta que, para Santomil, "reforza o compromiso do Concello e a súa aposta pola música dos grupos nobeis". O concelleiro engadiu que, a pesar de que este ano o Concello de Ames decidiu centrarse no ámbito do folk, decisión materializada na organización deste festival, o seu propósito é "estender esta labor a outros estilos musicais, como o rock coa recuperación do Millarock, ou mesmo doutras disciplinas artísticas".

Aproveitando a apertura hoxe do prazo para o envío de maquetas, tres como máximo por grupo musical que deberán remitirse ao enderezo artistasemerxentes@concellodeames.gal, o concelleiro convidou ás persoas participantes "a poñerllo complicado ao xurado, sinónimo da calidade dos traballos que enviedes". O prazo de envío de maquetas remata o xoves 31 do mes de abril e será un xurado composto por tres persoas os que decida as tres mellores agrupacións, tendo en conta non só a calidade técnica senón tamén a orixinalidade dos arranxos ou das composicións enviadas.

A formación do xurado aínda está en proceso, como sinalaba Rafael Feáns, incidindo en que "as persoas escollidas procederán de distintos ámbitos da música folk, non só músicos senón tamén críticos ou produtores".

Pola súa banda Roberto Rama agradeceu á organización "ter contado con Os De Abaixo para participar neste festival, iniciativa imprescindible e necesaria para fomentar a música galega". O representante do grupo convidado ao festival recoñeceu así mesmo ao Concello e á produtora "a escolla da hora", que considera moi acertada xa que "ao ser ás 21:00 horas permite que asistan tamén os máis pequenos coas súas familias, e eles e elas son o futuro da música". O horario do concerto que terá lugar o día 21 de maio no Pazo da Peregrina, as citadas 21:00 horas, é para Roberto Rama un bo exemplo "de conciliación dos horarios" do público novo e o adulto.

Anuncio dos tres finalistas para participar no concerto do 21 de maio
As bases completas do festival pódense consultar no banner da páxina web municipal. O día 10 de maio o xurado anunciará os tres grupos escollidos para tocar no mesmo escenario que Os De Abaixo, o día 21 de maio no Pazo da Peregrina. Unha actuación de vinte minutos por cada grupo será decisiva para que o xurado escolla á agrupación gañadora deste primeiro Festival Folk de artistas emerxentes Val da Maía.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Festival Val da Maía, un escaparate para los nuevos valores del folk"