Pestanas principais

A presentación da campaña "Toma o relevo" centra a celebración do día da muller en Ames

Sábado, 05 de marzo de 2011

[05-03-2011] Un ano máis, con motivo da celebración do día internacional da muller o 8 de marzo, o Concello de Ames realizará un acto conmemorativo co que pretende recoñecer a importancia da loita da muller por ocupar o espazo que lle corresponde na sociedade. Así, o 12 de marzo na Casa da Cultura de Bertamiráns, a partir das 19:30 horas, terá lugar este acto no que se presentará a campaña "Toma o relevo", que pretende promover e fomentar a responsabilidade compartida das tarefas domésticas e no coidado de fillas/os e familiares dependentes. A través desta campaña realizouse un spot publicitario, que se estreará neste acto, unha cuña de radio, que se emitirá en diferentes emisoras radiofónicas, e diferentes elementos de cartalería. Tamén haberá tempo para escoitar as intervencións dos diferentes grupos políticos municipais e dar lectura ao manifesto do goberno municipal. O acto rematará coa proxección da película "Señora de", dirixida pola galega Patricia Ferreira.

O 51,57% da poboación amiense son mulleres. Como no resto de municipios de similar tamaño e poboación, existen unha serie de necesidades que tratan de ser cubertas ben dende o Concello, as administracións ou a sociedade civil por medio de recursos normalizados a disposición de todos e todas. Sempre aparecen colectivos con necesidades moi concretas que, por diversas razóns, non atopan respostas ás mesmas dentro dos recursos existentes. Hoxe en día, pódese afirmar que un destes colectivos é o da muller e por iso trabállase para satisfacer as carencias que poida ter este sector específico.

Esta data recoñecida pola ONU conmemora a loita da muller a prol da súa participación, en igualdade de condicións ao home, na sociedade e no seu desenvolvemento íntegro como persoa. Esta idea xorde a finais do século XIX en plena revolución industrial e o auxe do movemento obreiro e ten os seus precedentes na loita durante a Revolución Francesa pola consecución do sufraxio feminino.

O Concello de Ames adicará o 12 de marzo a recoñecer a importancia da loita da muller pola súa emancipación mediante un acto conmemorativo que terá lugar na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das 19:30 horas. Este acto estará estruturado en tres partes.

Campaña "Toma o relevo"

Nunha primeira parte presentarase a campaña elaborada pola Concellería de Benestar Social e Igualdade que versa sobre o tema "Toma o relevo" co que se pretende concienciar aos homes da necesidade de responsabilizarse das labores familiares e do fogar. Esta campaña consistiu na difusión dun spot televisivo e unha cuña de radio nos diferentes medios de comunicación da contorna. O spot e a cuña teñen unha duración aproximada de 30 segundos.

No spot aparecen dúas mulleres correndo nunha proba de relevo. Unha delas, chegado o momento de darlle a testemuña ao seu compañeiro realízao con éxito, mentres que a outra cando intenta realizar o intercambio ve como o seu compañeiro cae. A continuación, nunha cociña, unha muller que está a lavar os pratos pásalle un deles a súa parella para que o seque co pano e a imaxe párase nese momento de intercambio deixando ao espectador coa dúbida de se o home se vai facer cargo da súa tarefa.

Deste xeito ben sinxelo pero cunha moi explícita estrutura simbólica, o anuncio pretende reflectir a necesidade de que os homes se responsabilicen en todos os ámbitos da vida familiar e social nos que a muller realiza, tradicionalmente, todas as labores. Unha segunda lectura simbólica podería ser a necesidade de que os homes se corresponsabilicen coa loita das mulleres e que estas poidan pasar a testemuña a estes e eles seguir nalgúns momentos a loita con eficacia.

Ademais tamén se elaborou unha serie de carteis nos se pode ler, Lémbraste dela? De pequeno era o teu cabaliño. Cando cumpriches os 17 foi a túa primeira guitarra. A última vez converteuse na túa compañeira de baile. Non a esquezas, chámase vasoira e tamén serve para varrer. Dálle uso, sentiraste ben. Compartir o traballo doméstico tamén é cousa de homes. Toma o relevo! Este texto está acompañado da imaxe dunha vasoira. A través deste carteis preténdese concienciar e educar en igualdade á veciñanza amiense.

A continuación, terá lugar a intervención dos tres partidos políticos con representación na corporación municipal, e darase lectura á declaración oficial do concello a prol da loita feminista.

Proxección do filme "Señora de"

Para finalizar o acto, a partir das 20:15 horas, terá lugar a proxección da película "Señora de", un filme da directora galega Patricia Ferreira premiado na última edición da Seminci de Valladolid. Ames será un dos primeiros lugares onde se proxecte este filme. Cómpre salientar que unha das protagonistas desta película, Filomena Fraga, é veciña de Ames e sempre estivo moi vinculada coa loita polos dereitos da muller.

O filme pretende retratar a vida de distintas mulleres (representacións ficticias de realidades comúns) que pola súa condición sexual non se lles permitiu cumprir cos seus anhelos máis básicos, ancoradas sempre a unha presenza non sempre física do home como elemento de control, contención e censura das súas actividades.

Este tipo de celebracións son especialmente relevantes en concellos como o de Ames no que máis da metade da poboación son mulleres e, polo tanto, a metade da poboación debido á súa condición feminina ten na sociedade actual máis dificultades para desenvolver a súa vida libremente e con normalidade debido a unha serie de comportamentos, actitudes e ideas anacrónicas que seguen a manifestarse en pleno século XXI.

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Toma el relevo, lema de la campaña del día de la mujer en Ames"