Pestanas principais

Presenta a túa proposta para facer o teu propio programa radiofónico en Ames Radio

Martes, 13 de xuño de 2017

[13-06-2017] O Concello de Ames ven de abrir unha convocatoria para presentar proxectos de programas de radio para emitir entre os meses de outubro e decembro en Ames Radio. Así, calquera persoa, asociación ou entidade de Ames poderá presentar os seus proxectos para a gravación e emisión dun programa de radio. A presentación dos proxectos realizarase a través dos rexistros do Concello en Bertamiráns ou no Milladoiro e deberá incluír a documentación esixida nas bases, ás que se pode acceder a través do banner, que está na cabeceira da páxina principal da web municipal, xunto co modelo de solicitude. O prazo para a presentación dos proxectos está aberto ata o 14 de xullo de 2017. Premendo na ligazón que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de participación nesta convocatoria.

Co obxectivo de achegar a radio municipal á veciñanza, o Concello de Ames abre as portas de Ames Radio para que calquera persoa, asociación ou entidade do concello poda facer un programa de radio. Tamén poderán presentar proxectos en Ames Radio outras persoas, asociacións ou entidades non residentes no concello cando resulten de interese para o Concello de Ames ou estean protagonizados por persoas residentes ou nadas no municipio ou que traballen nel, así como por asociacións e colectivos do Concello. Neste caso presentará o proxecto unha persoa coordinadora, que deberá ter un mínimo de 18 anos de idade.

Os interesados/as en ter o seu propio programa de radio deberán cubrir un modelo de solicitude, que se pode descargar no banner que está na cabeceira da páxina principal da web municipal, indicando o título, obxectivos e descrición do programa, temas e público ao que vai dirixido, periodicidade, duración e día e hora de emisión suxerido.

Ames Radio poñerá a disposición o espazo físico, o equipamento e o persoal técnico necesario para a gravación dos programas seleccionados nos días e horas que se determinen. A emisión dos mesmos farase en función da grella de programación que aprobe a Comisión Asesora de Comunicación do Concello de Ames, aínda que se procurará respectar no posible as propostas de emisión das persoas ou entidades propoñentes. Cando nos proxectos vaia participar máis dunha persoa (ata un máximo total de cinco) indicarase un/ha coordinador/a responsable de garantir o bo funcionamento do proxecto e o cumprimento das condicións de emisión, así como axilizar a comunicación co persoal da emisora.

Presentación de propostas ata o 14 de xullo
O prazo para a presentación dos proxectos está aberto ata o 14 de xullo de 2017. A relación dos proxectos presentados será exposta nos taboleiros oficiais do Concello e na web do Concello de Ames. O persoal técnico da emisora emitirá un informe de avaliación para o Consello Asesor da Radio sobre os proxectos recibidos en función dos criterios. Será o Consello Asesor quen aprobe a inclusión de novos programas e colaboradores. A cantidade dos proxectos seleccionados quedará en función das propostas recibidas e as posibilidades de emisión de Ames Radio.

No mes de setembro a relación de proxectos seleccionados será publicada nos taboleiros oficiais do Concello, na páxina web municipal, e incluída na grella de programación de Ames Radio. Ademais, a emisora municipal contactará coas persoas responsables dos proxectos seleccionados a través do teléfono ou do enderezo de correo electrónico indicados na solicitude.

Ames Radio acreditará a participación e o servizo das persoas colaboradoras coa radio municipal mediante un diploma. Para calquera dúbida os interesados/as poden poñerse en contacto con Ames Radio a través do correo electrónico radio@concellodeames.gal ou o teléfono 981 890 452.