[06-10-2011] A Fundación Preescolar na Casa presentou hoxe na Casa da Cultura de Milladoiro e na de Bertamiráns unha nova edición do programa Espazos das Familias que estará presente en Ames dende este mes de outubro ata xuño. As reunións serán os mércores cada quince días ás 12.00 horas da mañá en Bertamiráns e no Milladoiro, en mércores alternos. Ademais os venres, tamén cada quince días, familias inmigrantes poderán beneficiarse do programa Espazos en Familia, este grupo poderá asistir ás reunións na Casa da Cultura do Milladoiro. Os servizos sociais do Concello colaboran co programa de Preescolar na Casa facilitándolle o contacto coas familias máis susceptibles de beneficiarse deste tipo de reunións. As casas da cultura do Milladoiro e Bertamiráns acollerán os grupos que se formen este ano en Ames, que están permanentemente abertos á ampliación. Para apuntarse só teñen que achegarse ata alí, ou chamar ao números de Servizos Sociais do Concello, o 981 535 941, corresponde ás oficinas do Milladoiro, e o 981 890 964 corresponde a Bertamiráns.
O Concello de Ames recibiu hoxe a Fundación Preescolar na Casa nas localidades do Milladoiro e de Bertamiráns. O programa Espazos das familias vai encamiñado a axudar os pais e nais no coñecemento dos seus fillos e darlles unhas pautas educativas en diferentes temas relacionados coa vida cotiá das familias. Esta fundación ofreceralles ás persoas asistentes procedementos teóricos e prácticos axeitados para a correcta educación dos seus fillos e fillas. A Casa da Cultura de Bertamiráns foi o lugar escollido para celebrar a primeira presentación e a primeira xuntanza esta mañá ás 10.30 h. A presentación tivo a súa continuidade ás 12.00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.
O programa "Espazo das familias" responde ás necesidades sociais actuais das familias galegas no tocante á educación no fogar. As xornadas van dirixidas aos pais e nais con nenos e nenas de diversas idades e teñen o obxectivo principal reforzar a confianza dos proxenitores como educadores e tamén mellorar os seus coñecementos e prácticas de crianza. Nesta actividade ofréceselles aos asistentes a posibilidade de intervir a través de diálogos, reflexións e análises de acontecementos da vida cotiá que teñen influencia na educación. Deste xeito, a fundación retoma o seu labor de orientación ás familias para contribuír a crear unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar.
O programa ofrece tamén un lugar de encontro con outras familias. Nas reunións, ademais de tratar temas relacionados coa educación dos cativos, problemas habituais e como solucionalos, os pais e nais xogan cos cativos e realizan manualidades ou cantan cancións.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames presentó el programa Espazos das familias"
El Correo Gallego: "Preescolar na Casa presentou en Ames o seu programa Espazos das familias"




