[17-09-2011] O Concello de Ames recibe o 5 de outubro a Fundación Preescolar na Casa nos núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns. Coa finalidade de mellorar o tempo de calidade das familias, esta fundación ofreceralles ás persoas asistentes procedementos teóricos e prácticos axeitados para a correcta educación dos seus fillos e fillas. A Casa da Cultura de Bertamiráns será o lugar escollido para a celebración da primeira xuntanza, ás 10.30 da mañá. Porén, non será a única visita desta fundación, ás 12 da mañá estará na Casa da Cultura de Milladoiro.
Espazos das familias, nome que recibe a xuntanza formativa que acollerá o Concello de Ames, responde ás necesidades sociais actuais das familias galegas no tocante a educación no fogar. Unha xornada dirixida aos pais e nais con nenos e nenas de diversas idades que ten o obxectivo de reforzar a confianza dos proxenitores como educadores e, tamén, mellorar os seus coñecementos e prácticas de crianza. Nesta actividade, ofréceselles aos e ás asistentes a posibilidade de intervir a través de diálogos, reflexións e análises de acontecementos da vida cotiá que teñen influencia na educación. Deste xeito, a fundación retoma o seu labor de orientación ás familias para contribuír a crear unha cultura da infancia e reforzar a competencia educativa familiar.
Preescolar na Casa
A Fundación Preescolar na Casa desenvolve a súa actividade dende 1977. Porén, non se configurou como entidade xurídica ata o 2001, ano no que se consolidou como fundación galega sen ánimo de lucro. Esta agrupación naceu como resposta á discriminación que experimentaban, nos anos 70, os nenos do rural ao careceren de escolas de preescolar. Os cambios sufridos en todos os ámbitos da vida dos galegos, contribúen á evolución desta entidade. Por iso, a súa función vai encamiñada á atención á primeira infancia, á formación de pais e ao apoio á parentalidade positiva, con prioridade sempre para os asuntos educativos vinculados co mundo rural.
O curso 2010-2011 foi un período variable dentro da fundación con altos e baixos na evolución desta entidade. Porén, o balance de éxitos foi moi relevante. Preescolar na Casa contou, neste curso, con recoñecemento europeo grazas a súa participación no Seminario Internacional celebrado en Wroclam (Polonia). Co seu programa conseguiu alzarse como a proposta máis votada dentro do grupo de traballo "A formación e a educación ao longo da vida". Por outra banda, coa súa presenza na conferencia "Cambio Demográfico en Europa. Solucións para a educación, aprendizaxe permanente e mercado de traballo" dentro do proxecto DART, viuse favorecida a súa expansión polo continente europeo. Cómpre destacar tamén, a súa colaboración no programa MÁS SOCIAL de fortalecemento da xestión do terceiro sector.
A Fundación Preescolar na Casa é unha entidade que pretende educar en familia a través da configuración de espazos para compartir un tempo de calidade. O éxito educativo radica, deste xeito, na importancia de empregar axeitadamente aqueles momentos que pais e fillos pasan xuntos.




