[21-04-2017] A praza do Concello de Ames acolle este sábado, 22 de abril, a celebración do Día do Libro. Durante toda a tarde desenvolverase a iniciativa “Literatura na praza”, cun programa que inclúe máis dunha ducia de actividades en torno á presentación do libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames. Os actos comezarán ás 17:00 horas e inclúen propostas para todas as idades. Haberá exposición, venda, intercambio e solta de libros, música, teatro, monicreques, obradoiros e recitais poéticos. Ademais, durante a vindeira semana o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, realizará un reparto de libros polos locais sociais de Augapesada, Agrón, Bugallido e Ameixenda.
Ao longo de toda esta semana o Concello de Ames está celebrando diversas actividades para conmemorar o Día Internacional do Libro que todos os anos se celebra o día 23 de abril. Deste xeito, estes días estase realizando unha “Solta de libros” nas casas da cultura e centros de saúde de Bertamiráns e do Milladoiro para que os veciños e veciñas os poidan levar de balde. Ademais, este sábado 22, ás 12:00 horas, na praza da Maía, en Bertamiráns, está previsto un reparto gratuíto de 150 libros entre a veciñanza amesá, dentro da campaña de Libros para sermos libres, unha actividade organizada pola Deputación da Coruña, en colaboración do Concello de Ames.
Por outra banda, durante a vindeira semana o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, realizará un reparto de libros polos locais sociais de Augapesada, Agrón, Bugallido e Ameixenda. Farase un reparto de fondos da biblioteca municipal de arredor de 400 libros para todas as idades e de temáticas moi variadas, dende literatura clásica, pasando por libros infantís, ensaio ou mesmo de bricolaxe e pintura. Trátase de libros escritos tanto en galego como en castelán que se repartirán entre distintas asociacións culturais do concello.
Literatura na praza
O acto central que preparou o Concello terá lugar este sábado, 22 de abril, na praza do Concello, en Bertamiráns, ao longo de toda a tarde. A partir das 17:00 horas presentarase o libro do XIII Certame Literario do Concello de Ames, que reúne os tres traballos finalistas de cada unha das categorías do certame celebrado o ano pasado, tanto en prosa como en verso. Deste xeito, o público asistente a esta presentación terá a oportunidade de escoitar, na voz dos autores, os textos premiados nesa edición.
Simultaneamente, os máis cativos e cativas terán a oportunidade de participar nun obradoiro de medio ambiente para elaborar sales aromáticas de baño e cociña. A través desta actividade preténdese que os nenos e nenas coñezan o uso que se lle pode dar a diferentes plantas aromáticas. Dende as cinco da tarde, os rapaces e rapazas tamén poderán gozar do espectáculo teatral A mestra Tomasa lendo e viaxando polo mundo, que trae a Ames a compañía Duende Sico. Este espectáculo, que se promove dende o departamento de dinamización lingüística da Deputación da Coruña, trata de fomentar o uso do galego entre a rapazada.
Lecturas dramatizadas de Neira Vilas
A partir das 18:00 horas, Carmen Domech, presentará Pastoreando Alegrías, un espectáculo de narración oral e monicreques. Esta actividade enmárcase dentro do programa Ler Conta Moito 2017 da Rede de Bibliotecas de Galicia. Á mesma hora, Hector Lorenzo, cantará os poemas musicados que inclúe no libro Cousas de papa e o grupo Palabras Vivas fará un recital poético con lecturas dramatizadas da obra de Neira Vilas. Este espectáculo, no que participan Marina Nieto, Elisa Barreiro e Camen Ares, desenvolverase no salón de plenos da Casa do Concello. Os responsables de Duende Sico tamén traballarán cos asistentes á festa que o desexen nun obradoiro de elaboración de marcapáxinas e decoración de axendas e lapis.
Ademais, durante toda a tarde, as librarías Nenos Nais; Boas e Novas; Pedreira; e Follas Novas exporán libros e farán descontos aos clientes que asistan a esta festa do libro. Asemade as bibliotecas municipais habilitarán un Recanto da lectura e proporán o intercambio de libros entre os asistentes. Por último, repetirán a xa tradicional Solta de libros, de xeito que a praza do Concello e a súa contorna encheranse de libros que poderán levarse para a casa aquelas persoas que os atopen.
A festa de Literatura na praza rematará co espectáculo de María Faltri que inclúe música, manipulación de libros, interacción co público, bailes e cancións. Trátase dun espectáculo familiar que chega da man da Deputación da Coruña. Unha proposta para comunicar cultura, divertir emitindo dende o galego unha programación con música, teatro e moitos libros.