Pestanas principais

A praza de Chavián de Bertamiráns acolle este sábado a tradicional festa do magosto

Venres, 14 de novembro de 2014

[14-11-2014] O Concello de Ames organiza este sábado a festa do magosto que terá lugar na praza de Chavián de Bertamiráns. As áreas de Cultura, Medio Ambiente e Xuventude prepararon un amplo programa de actividades para todos os públicos que inclúen saída micolóxica, obradoiros infantís, música a cargo de grupos locais e merenda a base de chourizos e castañas.

Ás 10:30 horas arrancará a xornada festiva cunha excursión micolóxica para coñecer as características e cualidades dos cogomelos. Os participantes sairán dende a praza do Concello cara ao lugar de Sisalde, acompañados polo profesor José Manuel Castro Marcote, quen lles explicará as boas prácticas a ter en conta á hora de recoller estes típicos produtos do outono. Co experto aprenderán unha serie de nocións para poder diferenciar as distintas especies de cogomelo, se son comestibles ou tóxicos. Nesta saída que transitará por distintas carballeiras e piñeirais farase especial fincapé en amosar a importancia ecolóxica dos cogomelos.

Pola tarde, haberá unha exposición na praza de Chavián onde se identificarán e clasificarán os cogomelos recollidos que, unha vez expostos, serán novamente devoltos ao monte para que as esporas caian na terra e volvan nacer novas especies.

As persoas interesadas en participar nesta saída micolóxica deberán realizar as inscricións, -antes das 14:00 horas de hoxe-, a través do correo electrónico: auladanatureza@concellodeames.org ou no número de teléfono 660 004 665. Para esta actividade recoméndase levar unha cesta ou unha bolsa de tea e un coitelo.

Paralelamente, os nenos e nenas de entre 5 e 8 anos poderán asistir ao obradoiro de construción de xoguetes vellos para tempos novos, a cargo de membros da Asociación educativa e cultural Musicrearte. Será na casa da Cultura de Bertamiráns de 11:00 a 13:00 horas. Haberá quince prazas e as inscricións faranse no teléfono 981 535 949.

A propia festa do Magosto comezará ás 17:00 horas. A música soará da man de grupos locais como a Requinta da Maía, -da asociación Follas Novas-, e a Requinta da Laxeira. Tamén a esa hora e no mesmo sitio, a praza de Chavián, os pequenos poderán participar nun obradoiro de maquillaxe e globoflexia e, media hora máis tarde, impartirase o segundo obradoiro de construción de xoguetes e instrumentos musicais.

Ás 18:00 horas, a veciñanza poderá degustar a gastronomía outonal composta por un lote con castañas asadas, pan con chourizo e unha bebida. O prezo será de dous euros.

Ademais do consistorio amesán, colaboran na organización desta festa tradicional varios colectivos municipais como o club de atletismo MillaRaio, a asociación do produto caseiro Lentura, a asociación cultural Follas Novas, a asociación de festas do Milladoiro, a comisión de festas Virxe da Peregrina, o club de patinaxe Sarela, a asociación de comerciantes de Bertamiráns e a asociación educativa e cultural Musicrearte.