[05-02-2016] Este ano, como novidade, a programación municipal de Entroido inclúe unha festa deseñada especialmente para os máis pequenos e pequenas de Ames. Unha carpa instalada na praza da Maía, en Bertamiráns, agarda á rapazada, convidada a participar este sábado, 6 de febreiro, nunha festa na que haberá obradoiros, concertos, xogos e se repartirán orellas entre todos os que acudan disfrazados.
A festa arrinca ás 17:00 horas, e media hora despois, dará comezo o obradoiro de cociña de Entroido, organizado polo Concello de Ames. O que van preparar os nenos e nenas manterase en segredo ata o momento mesmo de poñerse o mandil e comezar a cociñar. Outro obradoiro, este de maquillaxe, axudará aos rapaces e rapazas a completar os seus disfraces ou a converterse, por unha tarde, no seu animal preferido, nun superheroe ou superheroína, ou nunha personaxe dun filme á que admiren. Dúas monitoras maquillarán aos rapaces e rapazas de 18:00 a 20:00 horas.
A música correrá a cargo do coro da Escola Municipal de Música Ames (EMMA) e do espectáculo Uxía Lambona e a Banda Molona. Este último é a creación máis recente da compañía Troula no eido da música infantil e unha das súas actuacións estrelas. Os seus artistas achegan aos nenos e nenas a música tradicional galega dun xeito orixinal, mesturando letras que todos e todas coñecemos con ritmos máis actuais como o hip-hop ou o rock. Rapeando A saia da Carolina, cantando O gato nun saco con pinceladas de rock clásico e acompañando todas estas melodías con coreografías, a compañía ofrece un concerto dinámico e participativo para entreter e divertir tanto aos adultos como aos pequenos.
Ao longo da tarde os xogos e exhibicións da compañía de Novo Circo daranlle cor e dinamismo á festa. Ademais do reparto gratuíto de orellas, instalaranse varios postos con doces de Entroido. A festa rematará, despois de tres horas de troula, ás 20:00 horas.