[04-06-2011] A concellaría de Cultura e Deportes organiza o día 11 de xuño unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia. Esta actividade ten por obxectivo que todos os amienses que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada será de portas abertas polo que poderán asistir todas aquelas persoas interesadas nesta actividade pero que teñan de 8 anos en diante. Para participar non é necesario inscrición previa. Tan só hai que levar traxe de baño, unha camiseta, chancletas e unha toalla. O que si é imprescindible é saber nadar.
Coa chegada do calor as actividades relacionadas coa auga cobran protagonismo. Todos os anos o Concello de Ames organiza cursos de natación ou de iniciación ao piragüismo. Estas iniciativas sempre espertan o interese dos mozos e mozas de Ames que aproveitan os meses estivais para practicar outro tipo de deportes que non poden realizar durante o resto do ano. Con este obxectivo a Concellaría de Deportes organizou para o sábado 11 de xuño unha xornada de iniciación ao piragüismo.
Aprender a subirse a unha piragua, a manter o equilibrio e a manexar as palas para que a embarcación se desprace correctamente son os obxectivos básicos que persegue a actividade "Achégate ao piragüismo", que a Concellaría de Cultura e Deportes organiza o día 11 de xuño nas instalacións da praia fluvial de Tapia. O Concello de Ames conta coa colaboración do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre que tamén participa na organización desta actividade.
Así, todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo poderán participar e gozar desta xornada de portas abertas que se celebra todos os anos. As persoas de oito anos en diante que saiban nadar poderán achegarse ata a praia fluvial de Tapia entre as 11:00 h. e as 13:30 horas e aprender a remar polo río Tambre, a controlar a dirección da piragua e algunhas outras nocións básicas. Recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta, chancletas e toalla. Para participar nesta actividade non se precisa inscrición previa, polo que poderán achegarse e participar todos os que así o desexen.
Esta actividade desenvolverase na praia fluvial de Tapia, dado que neste lugar existen unhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte. Estas clases son impartidas polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e contan coa colaboración do Concello de Ames.




