Pestanas principais

A praia fluvial de Tapia acolle este venres a festa de clausura das Bibliopiscinas 2012

Martes, 28 de agosto de 2012

[28-08-2012] Coa chegada do verán o Concello de Ames puxo en marcha o servizo das bibliopiscinas na área recreativa de Tapia e nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns. Baixo o lema “Móllate na lectura 2012!” o servizo de bibliopiscinas achegou libros, xogos, xoguetes e xornais a pais e fillos, e ademais os máis pequenos gozaron de entretidas tardes de contacontos. Este servizo prestouse dende o día 2 de xullo na área recreativa de Tapia, de luns a sábado, mentres que en Bertamiráns e Milladoiro funcionou de luns a venres. Para poñer punto e final a unha nova edición das bibliopiscinas este venres, 31de agosto, haberá unha festa na praia fluvial de Tapia.

Pouco a pouco vaise achegando o fin do verán e con el rematan as actividades propias da época estival como acontece co servizo de bibliopiscinas. Este venres, 31 de agosto, celebrarase na área recreativa de Tapia a festa de clausura desta actividade. Ás 16:30 horas comeza a festa cun obradoiro de pintado de camisetas. Posteriormente, ás 18:30 horas, a narradora e escritora, Charo Pita, encargarase de contarlle un conto aos nenos e nenas que participen nesta festa. No caso de que chova o obradoiro de pintado de camisetas suspenderase e o contacontos desenvolverase, ás 17:30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns.

É coñecida a importancia de acostumarse á lectura e por iso o Concello impulsa iniciativas coma a das bibliopiscinas para que os nenos asocien a lectura non só coas horas de estudo, senón tamén coas de lecer. Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas puideron gozar de contacontos que fixeron voar as súa imaxinación durante este verán.

Este servizo que o concello de Ames prestou una ano máis está dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estiveron abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario foi de luns a venres de 16:00 horas a 20:00 horas, e na área de Tapia abriron de luns a sábado, incluídos os días festivos, no mesmo horario.

En canto á biblioteca municipal, estivo aberta nos meses de verán, cunha variación no seu horario, xa que só abriu ao público polas mañás, das 10:00 h. ás 14:00 horas.

Calquera piscina esperta unha gran fascinación para os nenos e nenas e a campaña das bibliopiscinas "Móllate na lectura, 2012!" axudou a pais e nais á conciliación da vida familiar durante o verán.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "A praia fluvial de Tapia acolle este venres a festa de clausura das Bibliopiscinas 2012"