[05-06-2012] A Concellaría de Deportes de Ames organiza o sábado 9 de xuño unha xornada de iniciación ao piragüismo que se desenvolverá na praia fluvial de Tapia entre as 11,00 e as 14,00 horas. Esta actividade ten por obxectivo que todos os amienses que o desexen poidan aprender a dominar esta embarcación. A xornada será de portas abertas polo que poderán asistir todas aquelas persoas interesadas nesta actividade pero que teñan de 8 anos en diante. Para participar hai que levar traxe de baño, unha camiseta, chancletas e unha toalla. O que si é imprescindible é saber nadar.
Os interesados poden inscribirse no número de teléfono 981 884 991 ou no correo electrónico deportes@concellodeames.org. A inscrición tamén pode ser presencial, achegándose á praia de Tapia o mesmo día do evento no horario indicado.
Coa chegada do calor as actividades relacionadas coa auga cobran protagonismo. Estas iniciativas sempre espertan o interese dos mozos e mozas de Ames que aproveitan os meses estivais para practicar outro tipo de deportes que non poden realizar durante o resto do ano. Con este obxectivo a Concellaría de Deportes organizou para o sábado 9 de xuño, en colaboración coa Deputación da Coruña, unha xornada de iniciación ao piragüismo.
Aprender a subirse a unha piragua, a manter o equilibrio e a manexar as palas para que a embarcación se desprace correctamente son os obxectivos básicos que persegue a actividade 'Achégate ao piragüismo', que se celebrará este sábado nas instalacións da praia fluvial de Tapia. O Concello de Ames conta coa colaboración do Club Piragüismo Ribeiras do Tambre que tamén participa na organización desta actividade.
Así, todas as persoas que desexen iniciarse no deporte do piragüismo poderán participar e gozar desta xornada de portas abertas que se celebra todos os anos. As persoas de oito anos en diante que saiban nadar poderán achegarse ata a praia fluvial de Tapia entre as 11,00 e as 14,00 horas e aprender a remar polo río Tambre, a controlar a dirección da piragua e algunhas outras nocións básicas. Recoméndase o uso de traxe de baño, camiseta, chancletas e toalla.
Esta actividade desenvolverase na praia fluvial de Tapia, dado que neste lugar existen unhas instalacións inmellorables para a práctica deste deporte. Estas clases son impartidas polo Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e contan coa colaboración do Concello de Ames.