Pestanas principais

A praia fluvia de Tapia acolle o sábado, 21 de setembro, a travesía a nado Tapia Swinway

Xoves, 12 de setembro de 2019

O Concello de Ames e o Club de Natación Cidade de Santiago organizan o próximo sábado, 21 de setembro, a Tapia Swinway, unha travesía a nado composta de tres probas para un total de cinco categorías. A concelleira de Deportes, Susana Señorís, o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, e David Lata, do Club de Natación Cidade de Santiago, compareceron esta mañá en rolda de prensa para presentar o evento, aberto aos nadadores federados e non federados. As inscricións, que teñen un custo de tres euros, pódense facer a través de emesports.es ou presencialmente o propio día da celebración da proba, na praia fluvial de Tapia, entre as 10:00 e as 10:45 horas.

O río Tambre, ao seu paso pola praia fluvial de Tapia, albergará o sábado 21 de setembro a Tapia Swinway, unha nova iniciativa deportiva que pon en marcha a concellaría de Deportes. A travesía a nado contará con tres probas: unha de  1200 metros, con saída e chegada na mesma posición, tendo que realizar dúas veces un  percorrido de 600 metros dividido en dous tramos de 300 metros; unha de 1800 metros, tendo que realizar tres veces o mesmo percorrido; e unha remuda de 4x600 metros, na que cada equipo de relevo debe estar composto por dous participantes de categoría infantil ou inferior e dous participantes de categoría junior ou superior. Haberá un total de cinco categorías: alevín, infantil, junior, absoluto e máster, e trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría.

A proba inicial, de 1.200 metros, comezará ás 11:00 horas. Unha vez remate, sobre as 11:45 horas, desenvolverase a de 1.800 metros, deixando as remudas 4x600 para o final da mañá, que terá lugar sobre as 13:00 horas. As diferentes probas rexeranse pola normativa da Federación Española de Natación e, durante a celebración do evento, a organización contará coa cobertura acuática necesaria para garantir a seguridade e o bo desenvolvemento da proba.

A concelleira de Deportes, Susana Señorís, destacou na presentación que “a idea partiu do Club de Natación Cidade de Santiago, que se puxo en contacto con nós para facer esta travesía, Logo de mirar a viabilidade da iniciativa, valoramos a idea e démoslle para adiante. Hai que ter en conta que hai moitos rapaces e rapazas de Ames que adestran neste club e penso que é unha merecida homenaxe que podan vir competir ao seu pobo. Confiemos en que sexa a primeira de moitas más edicións“.

O concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, afirmou que “ estamos encantados de colaborar e máis nun enclave como o da praia fluvial de Tapia. Desexamos que sexa un éxito e xa emplazamos ao  Club de Natación Cidade de Santiago a repetir o ano que vén e que se poda converter nunha proba clásica no noso concello”.

O adestrador do Club de Natación Cidade de Santiago, David Lata, engadiu que “ a idea é cambiar a monotonía dos adestramentos e permitirnos cambiar a piscina polo río e con distancias máis longas. Estamos contentos e confiemos en seguir establecendo vínculos con Concello de Ames para fomentar esta práctica deportiva”.

A primeira edición da Tapia Swinway contará coa colaboración do Club de Piragüismo Ribeiras do Tambre e da Agrupación de Protección Civil do Concello de Ames.

Ligazóns:

La Voz de Galicia: "Abierta la inscripción en la travesía Tapia Swinway"

Lindeiros: "Tapia Swinway, unha nova proba de natación na bisbarra"

Compostela 24 horas: "A praia fluvia de Tapia acolle o sábado, 21 de setembro, a travesía a nado Tapia Swinway"

tapia swinway