[22-10-2011] A comisión informativa permanente de Economía, Facenda e especial de Contas de Ames aprobou 22 puntos relacionados coas ordenanzas fiscais e reguladoras de prezos públicos. O goberno local mantén a conxelación de impostos, cumprindo o compromiso electoral. Tampouco se aumentou o IPC, salvo nas taxas e prezos públicos de obrigatorio cumprimento por imperativo legal ou por contratos de concesionarias. A modificación máis salientable é a introducida na ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación de servizos complementarios, onde está encadrado o servizo de comedores.
Entre os impostos que quedan conxelados destaca o de Bens Inmobles, o imposto sobre o Valor dos Terreos de Natureza Urbana (plusvalía), o Imposto de Construcións, Instalacións e Obras (ICIO), e conxélase tamén o imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica. Aplícaselle o IPC por imperativo legal ou por contrato á ordenanza fiscal reguladora da taxa polo saneamento e depuración de augas residuais, a taxa pola subministración de auga e o IPC galego pola utilización do complexo da piscina cuberta municipal.
A modificación máis salientable que irá a pleno o vindeiro xoves día 29 de outubro é a que introduce a progresividade no pago das taxas dos comedores escolares a partir do curso 2012/2013. Entre as novidades que implica a modificación da ordenanza salienta que por primeira vez no Concello de Ames se implanta o concepto de progresividade, que implica a introdución da renda no cobro deste servizo mediante a utilización do IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). Por vez primeira haberá catro tramos que terán como referencia a renda das familias e que irán do 50% ao 100% , do 100% ao 150%, do 150% ao 200% e un último tramo de máis do 200% tendo como referencia a renda familiar.
O primeiro tramo establece un pago de 80 euros ao mes e vai dirixido ás familias que estean entre o 50% e o 100% do IPREM; no segundo tramo aboaranse 90 euros, e é para as familias que estean entre o 100% e o 150%, no terceiro aboaranse 100 euros e nel están as familias que estean entre o 150 e o 200%, e o cuarto é para aquelas que superen o 200% do IPREM e terán que pagar unha taxa de 110 euros. Estes novos prezos entrarán en vigor para o curso 2012/2013.
Aumentan as bonificacións para as familias
Outra novidade a destacar é que se aumentan as bonificacións xa que se cumpre o estipulado na normativa autonómica relativo ao trato preferente dos membros de familias de especial consideración, ademais das familias numerosas xa definidas pola lei 40/2003 do 12 de novembro. Así terán dereito a importantes bonificacións as familias monoparentais, as familias con persoas maiores a cargo, nas que haxa familiares discapacitados, as que convivan con persoas que teñan recoñecida situación de dependencia, ou as acolledoras de nenos e nenas ou adolescentes que non poden ou non deban estar con seus pais.
No tocante ás taxas dos comedores escolares, terán bonificación total os casos de emerxencia social ou as unidades familiares cunha renda percápita igual ou inferior ao 25% do IPREM anual. Terá dereito a bonificación do 50% as familias numerosas de categoría especial, as unidades familiares cunha renda percápita igual ou inferior ao 50% e aquelas familias que sen estar en situación de emerxencia social, acheguen un informe social no se acredite de forma conxunta que se trata de familias con problemas de integración social, familias en risco de desestructuración etc. E terán dereito a bonificación do 20% das taxas as familias numerosas de categoría xeral e as de especial consideración, tal e como se establece nos requisitos da lei 31/2011 do 30 de xuño de apoio á familia e convivencia de Galicia.
A modificación desta ordenanza é froito dun gran traballo conxunto de varias concellerías, estre a que está a de Servizos Sociais, Familia, Dependencia e Maiores. A concelleira desta última, Mª Dolores Fernández destacou "o gran apoio que terán as familias censadas en Ames con esta modificación substancial da ordenanza".
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Nos comedores escolares de Ames quen ten máis paga máis"