[23-09-2011] Nunca é demasiado tarde para aprender. Ese é o lema co que arrinca un ano máis a Escola Integral para Maiores. Nesta escola moitos amienses que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novos aprenden a ler, a escribir ou a facer pequenas operacións matemáticas. As clases, que se impartirán na Casa da Cultura do Milladoiro e na Casa da Cultura de Bertamiráns, comezarán no mes de outubro.
Por noveno ano consecutivo, a Oficina do Voluntariado de Ames (OVA) pon en marcha a Escola Integral de Maiores, unha iniciativa da Concellaría Deportes, Tempo libre e Voluntariado, que vai dirixida a persoas maiores que non tiveron a oportunidade de estudar cando eran novas.
O prazo para apuntarse comezará o vindeiro luns día 26 de setembro e estará aberto durante todo o curso. Para inscribirse os e as interesados/as deben achegarse á OVA, en Bertamiráns (de luns a venres de 9:00 h. a 14:00 horas) ou O Milladoiro (os luns e os mércores de 9:00 h. a 12:00 horas), ou ben chamar ao número de teléfono 981 883 703 da propia Oficina de Voluntariado para recibir máis información.
Os alumnos estarán divididos entre O Milladoiro e Bertamiráns. No Milladoiro haberá dous grupos, un para persoas cun nivel máis avanzado e outro de iniciación onde se abordarán conceptos básicos de lectoescritura. As clases impartiranse na Casa da Cultura os mércores e os venres en horario de 16:30 h. a 19:00 horas. Estas clases comezarán o 28 de setembro. Pola contra, en Bertamiráns haberá un grupo de iniciación que acudirá á aula de usos múltiples da Casa da Cultura os mércores e os xoves de 16:30 h. a 18:00 horas. Aquí as clases comezarán máis tarde, o 20 de outubro. Dous profesores voluntarios serán os encargados da docencia.
Aprender a ler, a escribir ou a facer operacións matemáticas. Estes son algúns dos conceptos básicos que se ensinan neste escola. Como o seu propio nome indica, trátase dunha escola integral na que, ademais das actividades formativas, organízanse outras paralelas como charlas, saídas culturais ou excursións.




