[24-06-2011] As obras para instalar a estrutura metálica que dotará de beirarrúas a ponte da Condomiña en Bertamiráns comezan o luns da vindeira semana. Estas obras requiren que, dende o luns 27 de xuño ata o xoves ou o venres desa mesma semana, un dos carrís da ponte permaneza cortado ao tráfico durante as horas de traballo, aínda que estará aberto pola noite. Ademais, hai unha xornada que aínda está por determinar na que a ponte estará totalmente cortada ó tráfico. Será o día no que se colocarán os conectores e, para solucionar o problema, habilitaranse vías alternativas de circulación. O motivo destes cortes é que durante a vindeira semana os traballadores soldarán a estrutura metálica que dotará a ponte dun novo paso peonil na marxe esquerda.
Este proxecto está incluído no Plan de travesías provinciais 2008-2011 da Deputación Provincial da Coruña, un plan que pretende mellorar as infraestruturas da provincia e contribuír a unha mellora da seguridade viaria. Este proxecto ten un custo de 135.435 euros e estao executando a e empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, valora de xeito positivo esta obra, pero "lamenta que estivera paralizada durante máis de dous meses sen que fose posible o paso de peóns por ela, pois durante esta parálise non se retiraron as valas de obra".
Estrutura metálica con pavimento de madeira
Esta ampliación levarase a cabo mediante unha dobre estrutura composta por un conxunto de perfís metálicos perpendiculares ao taboleiro, e outros dispostos perpendicularmente aos primeiros, sobre os que se asenta o pavimento de madeira. Pola cara exterior rematarase coa colocación dun tipo de varanda como a que xa existe neste lugar. Pola cara interior levantarase un pequeno muro que terá unha altura de 50 centímetros e que, ademais de ter unha función estrutural, protexerá os e as viandantes do tráfico rodado.
A Deputación Provincial da Coruña foi a encargada de redactar o proxecto técnico. Antes da redacción do proxecto varios técnicos da Deputación da Coruña achegáronse ata Ames para comprobar o estado no que se atopa esta estrada ao seu paso pola ponte da Condomiña. Así, puideron ver de primeira man a necesidade de construír un paso máis amplo para os peóns.
O custo das obras aproxímase aos 135.435 euros. A súa execución suporá unha mellora do tráfico rodado na intersección de catro estradas, e contribuirá a incrementar os niveis de seguridade viaria.

Contido relacionado
.jpg)
La Voz de Galicia: "Ponte Condomiña estará cerrada al tráfico durante una semana"
El Correo Gallego: "Cortes de tráfico para las mejoras del puente de Condomiña desde el lunes"




