[05-10-2012] Xogar coas palabras, coa expresión oral, coa creación de suxestivos espazos sonoros e, sobre todo, dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística son os obxectivos do Concurso de Teatro Radiofónico Lido, que poñen en marcha os departamentos de Normalización Lingüística, Xuventude e Comunicación do Concello de Ames. Este concurso está dirixido ao alumnado do Concello de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no Bacharelato. O prazo para a inscrición dos grupos está aberto ata o 17 de outubro. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter as bases e o impreso de inscrición para participar no concurso radiofónico de teatro lido.
O concurso radiofónico de teatro lido pretende dinamizar o uso do galego entre a mocidade amesá a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística. Ademais, intenta fomentar o gusto polo teatro entre a veciñanza, en xeral, e en particular entre os sectores de xente máis nova do concello.
Poderá participar neste certame todo o alumnado do Concello de Ames que estea matriculado no 2º ciclo da ESO ou no Bacharelato. A participación farase por grupos formados por entre 2 e 6 persoas. Os grupos poderán estar dirixidos polo profesorado que así o desexe, ou por calquera outro/a monitor/a nomeado polo grupo participante.
Textos que falen da situación do idioma
Os textos escollidos terán que estar en lingua galega. A temática versará arredor da situación social do idioma galego. O texto escollido por cada grupo poderá ser de creación propia, ou unha adaptación ou recreación dun texto de autor/a, sempre e cando se axuste á temática do certame. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas estará entre os 5 e os 10 minutos.
A inscrición dos grupos participantes realizarase no propio centro de estudos, a través do Equipo de Dinamización Lingüística e utilizando a ficha de inscrición que se facilite. A inscrición tamén se poderá realizar a través do enderezo electrónico do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ames normalizacion@concellodeames.org. O prazo para inscribirse remata o 17 de outubro de 2012.
Todos os grupos participantes realizarán a montaxe das pezas na Radio municipal de Ames, entre o 5 e o 15 de novembro de 2012, previa cita fixada pola organización. As pezas emitiranse en Ames Radio tantas veces como estime conveniente a organización. Para tal fin, entenderanse cedidos a favor do Concello de Ames os dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. Aos grupos participantes facilitaráselles unha copia da súa peza.
As pezas gravaranse e escoitaranse na radio municipal
A emisión das pezas participantes no concurso realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 15 de novembro e o 2 de decembro de 2012 nas seguintes franxas horarias: das 13.30 h ás 14.30 e das 22.00 h ás 23.00 h (de luns a venres).
Establécense dous premios. Un outorgarao a audiencia de Ames Radio e outro concederao un xurado especializado. O premio do público está dotado con 300 euros.
A audiencia de Ames Radio escollerá por votación unha das pezas premiadas
A audiencia da radio municipal escollerá por votación entre as pezas emitidas a obra que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 19 de novembro e o 2 de decembro a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.org ou do teléfono 981 890 452. Cada persoa que vote terá que identificarse e só se computará un voto por persoa.
O premio do xurado tamén está dotado con 300 euros. A Alcaldía Concello de Ames designará o xurado deste premio e darao a coñecer con anticipación á emisión do ditame. Os premios faranse públicos na segunda semana de decembro e entregaranse o venres, 14 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns.




