Pestanas principais

Ponse en marcha a segunda edición da campaña Zocos e Trasnos para que ningunha crianza quede sen agasallos este Nadal

Mércores, 25 de outubro de 2017

[25-10-2017] A Oficina de Voluntariado de Ames e a asociación de veciños Vivo en Ames, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social, xa están á procura de trasnos -persoas voluntarias que queiran achegar un agasallo de Reis a unha nena ou neno cuxa familia estea a atravesar por un momento de dificultades económicas-. Para rexistrarse como trasno é preciso chamar ao número de teléfono 662 37 70 44 (Oficina de Voluntariado de Ames) ou ao 687 05 46 35 (da Asociación Vivo en Ames), enviar un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com ou unha mensaxe privada á conta de Facebook do voluntariado ou da propia asociación. O rexistro tamén se pode facer presencialmente na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. As persoas participantes na primeira edición, recibirán información por correo electrónico para seguir contando coa súa axuda. Os agasallos non poderán ser de carácter sexista nin bélico.

Co Nadal á volta da esquina, a Oficina de Voluntariado de Ames (OVA) e maila asociación veciñal Vivo en Ames, en colaboración coa Concellaría de Benestar Social, veñen de pór en marcha, por segundo ano consecutivo, a campaña Zocos e Trasnos. Nesta iniciativa, as zocas e zocos son nenas e nenos, dos 0 aos 14 anos, cuxas familias están a pasar por un momento de dificultades económicas. O obxectivo da campaña é que ningunha crianza quede sen agasallos este Nadal. De aí a existencia dos trasnos, persoas voluntarias que mercarán un presente para algunha destas nenas e nenos. Na pasada edición, foron 150 as crianzas que se beneficiaron deste programa.

A organización desta iniciativa será a encargada de recoller as cartas escritas polas crianzas aos Reis Magos. Estas cartas chegarán aos trasnos a través dun correo electrónico, dunha mensaxe ao móbil ou mesmo en man, acompañadas dun código identificativo da nena ou neno (non se darán nomes nin apelidos). Cada trasno deberá escoller un só presente da carta e respectar tres condicións: o agasallo non poderá superar os trinta euros, non será de tipo bélico nin terá compoñentes sexistas. Unha vez mercado, o trasno deberá levar o seu regalo a algún dos puntos de recollida que se instalarán en Ames. Os agasallos serán entregados posteriormente ás familias, para que estas os coloquen debaixo da árbore na mañá de Reis. 

Como ser un trasno?
Para formar parte da campaña Zocos e Trasnos, as persoas interesadas poden apuntarse chamando ao teléfono da OVA, 662 37 70 44, ou ao da asociación veciñal Vivimos en Ames, 687 05 46 35, enviando un correo electrónico ao enderezo zocosetrasnos@gmail.com ou mandando unha mensaxe privada ás contas de Facebook da OVA ou da propia asociación. Tamén é posible apuntarse presencialmente na Oficina de Voluntariado de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns. As persoas participantes na primeira edición, recibirán información por correo electrónico para seguir contando coa súa axuda este ano.