Pestanas principais

Ponse en marcha o sexto concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!!

Mércores, 19 de outubro de 2016

[19-10-2016] O Concello de Ames organiza a sexta edición do Concurso radiofónico de teatro lido de Ames, Desata a Lingua!!. Este concurso está dirixido ao alumnado do Concello de Ames que estea matriculado en 3º e 4º da ESO ou no bacharelato. A temática será libre, aínda que se valorara que estea relacionada con temas de actualidade. A participación pode ser en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. As inscricións pódense realizar no IES de Ames (Bertamiráns), no IES do Milladoiro ou no colexio Alca ata o 28 de outubro (incluído). Este ano como novidade celebrarase un acto público o 20 de decembro no que se darán a coñecer os gañadores/as do certame. Nesta gala repartiranse un total de 600 euros, divididos en tres premios dotados con 200 euros cada un.

A concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación, Isabel Vaquero, explica que “este ano decidimos dar a coñecer os grupos de gañadores e gañadoras nunha gala que se vai celebrar nun dos centros socioculturais o vindeiro 20 de decembro. O obxectivo é que acudan a este acto todos os rapaces e rapazas que participen neste certame. A través deste concurso inténtase dinamizar dun xeito lúdico o uso oral e escrito do galego e fomentar o gusto polo teatro entre a mocidade e o achegamento á radio municipal”.

Nesta iniciativa, que está organizada polos departamentos de Normalización Lingüística, Comunicación e Mocidade, poderá participar todo o alumnado matriculado en 3º e 4ºda ESO ou no Bacharelato dos centros de ensino do Concello de Ames. Participarase en grupos formados por entre 2 e 4 persoas. Todos os grupos deberán ter un/unha representante (profesorado ou calquera outra persoa adulta) co fin de coordinar coa organización as datas da formación e da gravación.

Os textos estarán en lingua galega. A temática será libre, aínda que se valorará que estea relacionada con algún tema de actualidade. O texto poderá ser de creación propia ou unha adaptación/recreación dun texto de autor/a. O tempo estimado de emisión para cada unha das pezas estará entre os 5 e os 7 minutos. A inscrición dos participantes realizarase no IES de Ames (Bertamiráns) e no IES do Milladoiro, a través do equipo de dinamización lingüística e utilizando a ficha de inscrición que se facilite. O prazo para inscribirse remata o 28 de outubro (incluído).

Xornada de formación
Todo o alumnado inscrito participará nunha xornada de formación na que se achegarán claves de guionización, locución e interpretación. Esta xornada terá unha duración de tres horas e impartirase nos centros de ensino entre o 7 e o 9 de novembro. Todos os e as participantes realizarán a gravación e a montaxe das pezas na Radio municipal de Ames, entre o 16 e o 18 de novembro, previa cita fixada pola organización. A emisión das pezas realizarase en Ames Radio (FM 107.2) entre o 23 de novembro e o 2 de decembro nas seguintes franxas horarias: das 13:30 h ás 14:30 e das 22:00 h ás 23:00 h (de luns a venres).

Os días 23 de novembro e 2 de decembro realizarase unha emisión especial pola tarde na que se poderán escoitar todas as pezas. A participación no concurso implica a autorización para estas emisións e a cesión a favor do Concello de Ames dos dereitos de comunicación pública, reprodución e distribución. A todas e todos os participantes facilitaráselles unha copia das súas pezas.

Repartiranse 600 euros en premios
Repartiranse un total de 600 euros en tres premios dotados con 200 euros cada un. A audiencia da radio municipal escollerá entre as pezas emitidas o que obterá o premio do público. A votación realizarase entre o 24 de novembro e o 2 de decembro (incluídos) a través do correo electrónico radioteatro@concellodeames.gal ou do teléfono 981 890 452. Os/as votantes terán que identificarse e só se computará un voto por persoa.

Haberá outros dous premios: premio ao mellor guión orixinal e premio á mellor interpretación. Estes dous premios tamén estarán dotados con 200 euros cada un. O Concello de Ames designará un xurado que será o encargado de seleccionar todos os premios, agás o do público. Este ano, como novidade, os premios daranse a coñecer e entregaranse nunha gala o 20 de decembro de 2016, á que asistirá todo o alumnado participante.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Convocan el concurso amiense de teatro leído en la radio local"