Pestanas principais

Ponse en marcha o servizo das bibliopiscinas

Martes, 05 de xullo de 2011

[05-07-2011] O Concello de Ames quere levar a lectura e outros servizos da Biblioteca aos lugares de ocio de todo o territorio municipal. Por iso, pon en marcha, outro ano máis, a campaña das bibliopiscinas baixo o lema "Móllate na lectura, 2011!". Este servizo é unha iniciativa da Biblioteca municipal que, por noveno ano consecutivo, pretende achegar os seus servizos tradicionais, levando os libros, os xogos, os xoguetes e varias actividades a estas áreas para nenos /as e adultos. Estas actividades desenvolveranse nas piscinas descubertas do Milladoiro e Bertamiráns, e na área recreativa de Tapia. Ademais, nas bibliopiscinas haberá xornais e libros para os maiores.

Un ano máis, coa chegada do verán, comeza o servizo de bibliopiscinas en Ames. A través desta iniciativa trátase de facer máis divertidas as tardes de sol para pais, nais e fillos/as. Os pais e nais poderán gozar dos servizos como lectura de prensa, lectura dentro do recinto, préstamo de libros a toallas e a domicilio. Os máis pequenos terán xogos para todas as idades e xoguetes. Este servizo realizarase todos os días na hora da merenda diversas actividades. A campaña das bibliopiscinas comezarán o día 4 de xullo e encherá os espazos abertos das piscinas municipais non só de protectores solares e inchables, senón tamén de libros, contos e xornais.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, e o concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio, Alfonso Rey, visitaron as instalacións do servizo das Bibliopiscinas en Tapia, para comprobar de primeira man que todo está preparado para ofrecer este servizo durante os meses de xullo e agosto. Alfonso Rey, concelleiro de Cultura, Educación e Patrimonio afirma que "o diálogo e a colaboración dos traballadores, e a planificación e xestión do gasto do goberno municipal foron os piares básicos para poder ofrecer este servizo".


Todos/as coñecemos a importancia de medrar coa lectura e, por esta razón, o Concello impulsa iniciativas coma esta das bibliopiscinas, para que os nenos poidan asociar a lectura non só coas horas de estudo senón tamén co tempo de lecer. Os expertos coinciden en que é importante que os nenos e nenas non perdan o hábito de estudo nas vacacións, xa que logo lles resultará máis complicado a volta á rutina escolar. Pero non debemos esquecer que eles, ao igual que todos, necesitan descansar e desenvolver actividades lúdicas e motivadoras.

Para esquecerse da rutina do curso e dos estudos os rapaces e rapazas poderán gozar de contacontos. Todas as tardes levarase a cabo a hora do conto. Ás 18:00 horas, os monitores encargaranse de ler diversos contos. Ademais durante este hora os pais e nais poderán aproveitar para darlle a merenda aos fillos. A actividade estrela será os contacontos que se desenvolven un día a semana en cada unha das áreas de baño: os martes no Milladoiro, os mércores en Tapia e os xoves en Bertamiráns, todos eles ás 18:00 horas.

Segundo afirmou o rexedor municipal, Santiago Amor, "non había previsión de gasto, nin se contratou á empresa que xestionaba este servizo como se fixera nos últimos anos, en definitiva, non había previsión de actividade". Amor engadiu que "o noso goberno, grazas a que os traballadores colaboraron en todo momento e proba de que o Partido Popular é fiel á súa promesa de non suprimir servizos básicos, sociais e programas de conciliación da vida familiar e laboral, puxo todo o seu interese en chegar a un acordo cos traballadores para que finalmente este luns día 4 de xullo comece no noso concello o servizo das bibliopiscinas".


Horario de apertura
Este servizo está dirixido a todo o público sendo unicamente requisito contar cun carné municipal para poder acceder aos servizos de préstamo de libros a toalla e a domicilio. Todos os demais servizos son de acceso libre. As bibliopiscinas estarán abertas ao público nos meses de xullo e agosto. En Bertamiráns e no Milladoiro o horario será de luns a venres de 16:00 h. a 20:00 horas. As fins de semana e os festivos estarán pechadas.

En Tapia o horario será o mesmo, dende as 16:00 h. ás 20:00 horas, pero de luns a domingo. Ademais estará aberto os días festivos. En canto á biblioteca municipal, estará aberta nos meses de verán, cunha variación no seu horario, xa que só abrirá ao público polas mañás, das 10:00 h. ás 14:00 horas. En caso de mal tempo, as bibliopiscinas poderán pechar, aínda que a persoa encarga de cada unha estará alí.

Calquera piscina esperta unha gran fascinación para os nenos e nenas e a campaña das bibliopiscinas "Móllate na lectura, 2011!" axudara a pais e nais á conciliación da vida familiar durante o verán. Simplemente será unha axuda para os días na piscina en Ames sexan inesquecibles.

Festa das bibliopiscinas
Como remate das bibliopiscinas, o sábado 27 de agosto celebrarase unha festa de despedida con actuacións musicais e animación na área recreativa de Tapia. O programa definitivo será publicitado no mes de agosto. En caso de que ese día faga mal tempo a festa trasladarase ao salón de actos da Casa da Cultura de Bertamiráns ou ao pavillón polideportivo desta localidade.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Comienzan a funcionar las bibliopiscinas de Ames tras un acuerdo con los trabajadores"