Pestanas principais

Ponse en marcha o programa integrado para o emprego InserAmes Brión, dotado cun orzamento de 160.000 euros e que tentará mellorar as capacidades para a empregabilidade de 80 veciños dos dous municipios

Mércores, 09 de outubro de 2013

[09-10-2013] Este mes de outubro, ponse en marcha o programa integrado para o emprego InserAmes Brión, unha iniciativa de formación para persoas desempregadas que nace da colaboración entre os dous municipios. En total, este programa dará formación para o emprego a 80 persoas desempregadas de Ames e Brión e conta cun orzamento total de 160.000 euros. Este financiamento realizarase a través dunha subvención concedida pola Consellería de Traballo e Benestar, dun total de 128.000 euros, e mentres que a cantidade restante será aportada polos dous concellos en virtude dun convenio asinado no mes de maio. O obxectivo desta iniciativa é mellorar a empregabilidade dos participantes e aumentar as súas opcións de acceder a un posto de traballo.

Trátase xa da sexta edición deste programa de formación que desenvolve o Concello de Ames, sendo a primeira ocasión na que conta coa colaboración do Concello de Brión. Neste 2013, os dous municipios, dentro da liña de colaboración que veñen desenvolvendo, decidiron deseñar un programa conxunto, convencidos de que esta colaboración permitiría prestar de forma eficaz e eficiente o servizo de programa integrado para o emprego e minoraría os custes económicos da prestación illada do mesmo servizo. A finalidade desta iniciativa é posibilitar na actual situación de crise económica a prestación dun servizo que formará aos participantes e permitiría reducir o desemprego nos dous concellos.

As accións formativas do programa InserAmes Brión están destinadas principalmente a mozos e mozas menores de 30 anos desempregados e sen cualificación, aínda que tamén está aberta a outros colectivos con especiais dificultades para acceder a un emprego. As persoas interesadas en participar neste programa integrado para o emprego xa poden anotarse a través das oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia, sinalando que desexan participar nesta acción formativa de inserción laboral. Ademais, poderán achegarse aos servizos municipais de emprego.

As accións formativas do programa InserAmes Brión desenvolveranse principalmente nas dependencias do Centro de Formación Ocupacional que o Concello de Ames ten en Aldea Nova. Ao rematar a formación, os alumnos/as realizarán prácticas non laborais en empresas. Durante todo o programa, que se prolongará deste este mes de outubro ata xuño de 2014, os alumnos/as contarán co apoio de persoal especializado en asesoramento e formación.
Ademais, e como novidade nesta edición, incluíranse para as persoas participantes neste programa medidas de conciliación da vida laboral e familiar, co obxectivo de que poidan asistir á formación.

Accións formativas
O programa formativo de InserAmes Brión conta con cinco accións diferenciadas. A primeira é o apoio e titorización individualizada de cada alumno/a. En segundo e terceiro lugar, ofrecerase unha formación transversal e unha formación profesional para o emprego. En cuarto lugar darase apoio e seguimento para a posta en marcha do autoemprego e, por último, os alumnos/as realizarán prácticas non laborais en empresas.

Nesta edición farase especial fincapé no autoemprego e no emprendemento. De feito, o programa apoiarase, en colaboración coa Deputación da Coruña, de dúas xornadas que tratarán sobre a búsqueda de financiamento para a creación de empresas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ames y Brión refuerzan su colaboración en programas para la inserción laboral"