Pestanas principais

Ponse en marcha o programa grupal de benestar emocional para persoas maiores e o servizo UNE para adultos e mocidade

Sábado, 05 de setembro de 2026

Dentro das actividades incluídas dentro do plan municipal de benestar emocional e saúde mental ofrécese un programa grupal de benestar emocional para persoas maiores. Nestes obradoiros as persoas maiores do concello dispoñen dun espazo de acompañamento emocional, onde poden mellorar a saúde emocional e psicolóxica, incrementar a súa participación social ou potenciar o sentido da comunidade. Tamén se ofrece o servizo da Unidade de Necesidades Emocionais para persoas adultas e mocidade. Ademais, realizaranse intervencións de promoción do benestar emocional e saúde mental no ámbito escolar, tanto no IES de Ames como no IES Milladoiro (nos cursos de segundo de bacharelato). Para participar ou para solicitar máis información pódese enviar un correo electrónico ao enderezo uneames@gmail.com.

Segundo diversos estudos, aproximadamente un 15% da poboación padece algún problema de saúde mental. Por iso é necesaria unha estratexia global que proporcione un marco de acción común para previr, promover e atender ás necesidades de poboación sobre esta cuestión. O plan municipal de benestar emocional e saúde mental do Concello de Ames, que se puxo en marcha en outubro de 2024, recolle liñas de acción concretas, prestando especial atención a nenos/as, adolescentes e persoas maiores, co obxectivo de previr e atender as súas necesidades para mellorar o benestar psicolóxico e a calidade de vida dos veciños e veciñas de Ames.

Durante o último trimestre de 2026 volven a impartirse intervencións de promoción de benestar emocional e saúde mental no ámbito escolar, un programa grupal de benestar emocional para as persoas maiores, e a unidade de necesidades emocionais para persoas adultas. O plan de saúde mental inclúe diversas actuacións orientadas a diferentes colectivos. Todas as persoas que queiran participar nestes programas e servizos poden inscribirse enviando un correo electrónico ao enderezo uneames@gmail.com.

A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, explica que “durante os meses de setembro e outubro volven a poñerse en marcha os tres programas máis importantes do plan municipal de benestar emocional e saúde mental, que son o programa de acompañamento emocional para persoas maiores, e as unidades de necesidades emocionais para persoas adultas e mocidade dos institutos. A través destas actividades e servizos tratamos de coidar a saúde mental da nosa veciñanza”. 

Acompañamento emocional a persoas maiores
Por unha banda, no relativo ás persoas maiores, ofrécese un programa grupal de benestar emocional dentro do que se realizan unha serie de encontros en formato taller. Estas actividades vanse a impartir os venres, en horario de 17.00 a 19.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

Nestes obradoiros as persoas maiores do concello dispoñen dun espazo de acompañamento emocional, onde traballan en prol da consecución dos seguintes obxectivos: reducir os niveis de soidade; mellorar a saúde emocional e psicolóxica; incrementar a súa participación social; potenciar o sentido da comunidade; ofrecer recursos e servizos de apoio; promover o envellecemento activo e saudable; e crear conciencia e sensibilización sobre a soidade neste colectivo. 

Intervencións coa mocidade
Ademais, realizaranse intervencións de promoción do benestar emocional e saúde mental no ámbito escolar, tanto no IES de Ames como no IES Milladoiro (nos cursos de segundo de bacharelato). Durante este curso 2026-2027 vanse impartir obradoiros para o manexo do estrés e da ansiedade, e aprender a regular as emocións de forma saudable para o benestar emocional.

Ao mesmo tempo vaise habilitar un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación para as problemáticas e demandas de saúde mental da poboación infanto-xuvenil e da terceira idade, a través do servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais).

Espazo presencial de asesoramento técnico
Tamén se pon en marcha un espazo presencial de asesoramento técnico, coordinación e derivación, para responder ás demandas e problemáticas das persoas adultas. Este espazo, chamado servizo UNE (Unidade de Necesidades Emocionais), situarase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, e traballará os luns (cada 15 días) en horario de 19:00 a 21:00 horas.

A atención será presencial, con periodicidade quincenal, e nel un profesional avaliará a demanda, informará sobre os recursos existentes e realizará un seguimento daqueles casos que requiran dunha intervención en formato counseling de saúde mental e benestar emocional. Non se trata dunha consulta de atención psicolóxica, senón dun servizo de asesoramento e orientación.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Ames fomenta a saúde mental cunha Unidade de Necesidades Emocionais"

Ponse en marcha o programa grupal de benestar emocional para persoas maiores e o servizo UNE para adultos e mocidade

Multimedia

  • Ponse en marcha o programa grupal de benestar emocional para persoas maiores e o servizo UNE para adultos e mocidade