Pestanas principais

Ponse en marcha o programa de “Vives Emprende Ames” correspondente ao segundo semestre de 2019

Luns, 23 de setembro de 2019

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, durante os meses de setembro e outubro impartiranse un total de seis talleres formativos. O primeiro impartirase este mércores, 25 de setembro, e xirará en torno á idea de negocio e a proposta de valor.

As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poden acceder ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Así, ao abeiro desta iniciativa, durante setembro e outubro realizarase un novo ciclo de obradoiros composto por un total de seis talleres formativos. Estas actividades serán impartidas nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.

Programa de obradoiros
O primeiro obradoiro desenvolverase este mércores, 25 de setembro, e tratará sobre a idea de negocio e a proposta de valor, tanto presente como aumentada e futura. Ao día seguinte, o xoves 26 de setembro, a técnica de Acción contra a fame introducirá aos asistentes nos estudos de mercado e competencia, facendo unha análise da mesma e dando a coñecer as técnicas de investigación. O luns, 30 de setembro, o obradoiro versará sobre fiscalidade e financiamento, analizando formas xurídicas e aspectos fiscais e financeiros.

No mes de outubro desenvolveranse outras tres accións formativas. Así, o martes día 1 afondarase na clientela, coa segmentación de clientes e o coñecemento do público obxectivo ao que se dirixe a empresa. O mércores día 2 afondarase no plan de marketing, co que se guiará aos alumnos/as no coñecemento dos aspectos e variables básicos do marketing e a súa aplicación. Por último, o xoves día 3 o taller versará sobre comercialización e canles de distribución.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, indica que a través do programa Vives Emprende “impartiranse seis talleres formativos durante os meses de setembro e outubro nos cales poden participar as persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames, que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira. Deste xeito, trátase de reforzar o tecido empresarial de Ames”.

Un itinerario completo para axudar a emprender
Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 euros para a constitución do seu negocio.

Acción contra a fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.

As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.

Ligazóns:

El Correo Gallego: "Ames forma para poder emprender"

Lindeiros: "Ames comeza o segundo semestre do Vives Emprende"

Cartel do programa Vives Emprende Ames correspondente ao segundo semestre de 2019

Multimedia

  • Cartel do programa Vives Emprende Ames correspondente ao segundo semestre de 2019