[19-10-2018] O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e a organización Acción contra a Fame, colaboran na posta en marcha do programa Vives Emprende, correspondente ao segundo semestre deste ano, que asesora, forma e facilita o acceso a financiamento a persoas desempregadas ou con emprego precario que desexen emprender, especialmente a mulleres. Deste xeito, durante outubro e novembro impartiranse un total de 10 talleres formativos. O primeiro impartirase o 30 de outubro, e xirará en torno á idea de negocio e a proposta de valor. Un total de 36 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende durante o primeiro semestre de 2018. Deles, nove persoas xa teñen en marcha o seu negocio, dos cales seis son veciños de Ames.
Vives Emprende consiste nun itinerario que comprende desde a definición da idea de negocio ata a súa posta en marcha, e, se é necesario, a súa consolidación. Comeza cun diagnóstico de competencias e o deseño dun plan individualizado. De seguido, as persoas participan en sesións de grupo e individuais para adestrar competencias necesarias para emprender como a autoconfianza, a creatividade ou a comunicación, así como a construír un modelo de negocio, elaborar un plan de empresa... Ademais, teñen a posibilidade dun microcrédito de ata 25.000 euros para a constitución do seu negocio.
Acción contra a fame é unha organización humanitaria internacional que loita contra as causas e os efectos da fame. Salvan a vida de nenos e nenas desnutridos. Garanten ás familias acceso a auga segura, alimentos, formación e coidados básicos de saúde. Tamén traballan para liberar a nenos, mulleres e homes de ameázaa da fame. En España traballan contra o desemprego e pola inclusión sociolaboral de persoas con dificultades de acceso ao mercado de traballo.
As persoas interesadas en participar poden contactar co departamento municipal de Promoción Económica, a través do enderezo promocioneconomica@concellodeames.gal, ou dirixíndose a Itziar Villar no correo ivillar@accioncontraelhambre.org ou no teléfono 689 869 465.
O primeiro obradoiro desenvolverase o 30 de outubro e tratará sobre a idea de negocio e a proposta de valor, tanto presente como aumentada e futura. Ao día seguinte, o mércores 31 de outubro, a técnica de Acción contra a fame introducirá aos asistentes no mundo do marketing, centrándose nos estudos de mercado e na clientela para así coñecer o público obxectivo ao que se dirixe a empresa, mediante técnicas de investigación e recollida de datos. O día 6 de novembro, afondarase no marketing mix e os programas de fidelización, para o que se guiará aos alumnos/as no coñecemento dos aspectos e variables básicos do marketing e a súa aplicación.
Na sesión que se celebrará o 7 de novembro, os participantes coñecerán as competencias emprendedoras, necesarias para poñer en marcha un negocio. O martes 13 de novembro está previsto que se imparta o taller denominado a miña empresa na Internet: RRSS e comercio electrónico, onde se aprenderá a comunicar e vender un determinado produto/servizo a través da rede, redes sociais, páxinas web e o seu posicionamento. O 14 de novembro abordaranse as formas xurídicas, a nova lei de protección de datos e os aspectos tanto fiscais como laborais básicos para poñer en marcha un negocio.
Asemade, o martes 20 de novembro o obradoiro versará sobre as claves e técnicas de negociación, polo que se explicará en que consiste a negociación, así como as habilidades e estratexias necesarias para ter éxito neste ámbito. Ao día seguinte, 21 de novembro, falarase sobre o pricing ou estratexia para a fixación de prezos.
Os dous últimos obradoiros deste ciclo, que se realizarán os días 27 e 28 de novembro, xirarán en torno á creación dun plan de empresa adaptado á solicitude de subvencións e financiamento e á presentación do proxecto.
As persoas desempregadas ou con emprego precario de Ames que desexen emprender como opción para mellorar a súa situación laboral de forma estable e duradeira poderán acceder durante o que queda de ano ao programa Vives Emprende, unha iniciativa gratuíta que lles ofrece asesoramento, formación e acceso a financiamento para facer realidade as súas ideas de negocio. Un total de 36 persoas, dos cales 21 son veciños de Ames, recibiron o apoio de Vives Emprende durante o primeiro semestre deste ano. Deles, sete mulleres e dous homes xa teñen en marcha o seu negocio.
Entre os negocios postos en marcha no ano 2018 hai unha tenda online de costura e outra de produtos da horta, dous salóns de manicura, unha tenda de roupa outlet, unha papelería, unha inmobiliaria e unha consultora de calidade. Destes novos negocios, catro teñen o domicilio fiscal en Ames.
Así, ao abeiro desta iniciativa, durante outubro e novembro realizarase un novo ciclo de obradoiros composto por un total de 10 talleres formativos. Estas actividades serán impartidas nas instalacións do Centro multiusos de Aldea Nova, en horario de 9:30 a 13:30 horas. A técnica de emprendemento de Acción contra a Fame, Itziar Villar, é a encargada de coordinar ditos talleres e de impartir as asesorías individuais.
A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, agradece o traballo que está a facer Acción contra a fame en Ames, e anima á veciñanza a que se informe e participe no novo programa de obradoiros de Vives Emprende. “Durante o primeiro semestre este programa funcionou de xeito moi positivo. Un total de 36 persoas recibiron o apoio de Vives Emprende durante os primeiros seis meses de 2018. Deles, nove persoas xa teñen en marcha o seu negocio, dos cales seis son veciños de Ames. Agardamos igualar, e incluso superar, estes datos durante o segundo semestre deste ano”.





