Pestanas principais

Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas

Venres, 22 de outubro de 2021

Co comezo do novo curso lectivo volve a actividade ao Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con xa 12 anos de bagaxe. O grupo celebra reunións quincenais nas que os 22 participantes inscritos, de idade e procedencia diversos, comparten protagonismo coas propias lecturas. “Buscamos gozar da lectura con cada libro”, sinala o responsable do club, Santiago Eirís. Para participar nesta actividade non cómpre ser un experto lector ou lectora, senón que se buscan persoas con inquedanzas culturais e que gocen de intercambiar opinións cos demais. A actividade, de balde, está dirixida por persoal do Departamento de Bibliotecas de Ames, e forma parte dunha serie de accións da Concellaría de Cultura para fomentar a lectura no concello.

As reunións do Club de Lectura teñen lugar cada quincena, os martes ás 21:00 horas na Biblioteca do Milladoiro, adaptándose ás necesidades dos seus integrantes e aos seus horarios laborais. Non hai unha duración fixa para estas sesións, que buscan a implicación e a participación das lectoras e lectores. “Eu podo facer introducións ou romper o xeo, pero os participantes son os protagonistas”, indica Santiago Eirís, técnico da Biblioteca do Milladoiro e coordinador do Club de Lectura. Eirís incide en que tratan de xerar debates interesantes e atractivos, nos que cada persoa poida aportar a súa reflexión ou opinión sobre a lectura: “Non se trata de ser ‘academicistas’, como cando iamos á escola”.

Un grupo de lectores e lectoras multiculturais e de todas as idades

Entre as 22 persoas que forman o Club atópanse lectoras e lectoras de todas as idades, e con orixe noutras provincias españolas ou mesmo noutros territorios. “Non hai idade mínima nin máxima, agora ben, todos os participantes son maiores de idade. Outra peculiaridade do grupo é que algúns proceden doutros países, como Bélxica, Arxentina, Guatemala, e incluso de outras provincias, como Salamanca ou Toledo”, destaca Santiago Eirís. O importante é a participación, adaptándose aos tempos de cada persoa, que non ten por que asistir a todas as sesións para continuar vinculado ao Club, segundo comenta Eirís: “Aínda que hai 22 participantes inscritos, raras veces coincidimos todos, xa que cada un ten o seu ritmo de vida e os seus horarios”.

Lecturas con criterio colectivo

O Club de Lectura xa vai polo seu segundo texto, a novela de misterio “Elena Sabe”, da autora arxentina Claudia Piñeiro, tras teren comezado o ciclo de lecturas con “Los extraños”, de Vicente Valero. O criterio á hora de seleccionar que obras ler non é outro que o das propias participantes, que votan os textos que máis lles interesan. “Non se impón ningún criterio, os criterios márcanos os participantes; eles e elas escollen por votación os libros e imos lendo por orde de máis votados a menos”, explica Santiago Eirís, que engade que o obxectivo final é “fomentar a lectura, sobre todo nas idades que máis custa”. Cada libro ten os seus propios tempos, polo que non hai un número de sesións fixadas para cada un deles.

Reunións presenciais e outras actividades

A edición deste ano é en modalidade presencial, mantendo nas reunións medidas de seguridade como a máscara e o distanciamento social. Durante os meses seguintes ao confinamento, a actividade do Club continuou, mais de xeito telemático, polo que non chegaron a estar sen actividade máis duns meses. “Os participantes levaban os libros para os seus domicilios e poñiámonos en común a través dun grupo de WhatsApp”, recorda o técnico e coordinador, Santiago Eirís. O Club espera retomar outro tipo de actividades complementarias á lectura, como a asistencia dalgún autor ou autora, a proxección de filmes ou mesmo a organización de excursións, que non se fan dende o período previo ao inicio da pandemia do coronavirus.

Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas

Multimedia

  • Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas
  • Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas
  • Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas
  • Ponse en marcha o Club de Lectura da Biblioteca do Milladoiro, con 22 participantes de idades e orixes diversas