Pestanas principais

Ponse en marcha o Ames AV LAB coa constitución da Comisión de Gobernanza e a aprobación das bases de participación

Venres, 15 de marzo de 2024

O salón de plenos da Casa do Concello acolleu esta mañá a primeira xuntanza da Comisión de Gobernanza do Ames AV LAB, o laboratorio amesán para o impulso da nova produción audiovisual. En dito encontro, no que participou o alcalde de Ames, Blas García, e maila deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosana García, aprobouse a constitución formal e funcionamento de dita comisión, as bases da convocatoria de participación e mailos membros que formarán a Comisión de Avaliación de candidaturas. Ames AV LAB concíbese como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais para impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o impulso do importante tecido produtivo audiovisual do concello de Ames. Enmárcase dentro do Plan de Emprego Local, cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña. As bases de participación serán publicadas a vindeira semana.

Esta mañá botou a andar o Ames AV LAB coa constitución formal da Comisión de Gobernanza, que asegurará un funcionamento efectivo e transparencia en todo o proceso de toma de decisións e xestión. Ademais, abordáronse outros temas como a aprobación do funcionamento da Comisión de Gobernanza, a aprobación das bases da convocatoria de participación, e maila proposta de membros da Comisión de Avaliación de candidaturas.

O alcalde, Blas García, explicou que “este proxecto naceu despois dunha rolda de visitas que fixemos ás produtoras audiovisuais do concello. Ames ten unha forte industria audiovisual. Este proxecto serve para poñer en valor o sector audiovisual, pero o tamén o espazo colaborativo do coworking do Milladoiro, que é onde van traballar os proxectos que saían elixidos. Desde o Concello queremos que isto sexa un apoio recíproco, que facilite esa colaboración tan necesaria e que permita sacar proxectos adiante. A nosa idea é crear no futuro reunións estables coas empresas audiovisuais onde poñer en común ideas e crear sinerxias para crear proxectos innovadores e beneficiosos para o concello”.

A deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosana García, dixo “fago miñas as palabras de Blas, especialmente o de crear sinerxias, porque moitas veces é a forma de aproveitar o talento e de sacar ideas adiante dende unha administración en colaboración cun sector ou empresa”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradeceu “a boa disposición das empresas do sector audiovisual de Ames en todas as reunións que tivemos co seu persoal. A través deste laboratorio de aceleración de proxectos trátase de dotar de ferramentas ao talento local. Trátase dun proxecto moi importante no que se fai unha clara aposta polo audiovisual e pola formación de persoas neste ámbito”.

Comisión de Gobernanza
A Comisión de Gobernanza está presidida polo alcalde de Ames, Blas García. A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, actúa como suplente do presidente. Tamén forman parte de dita comisión a deputada de Industria, Emprego, Política Demográfica e Medio Ambiente, Rosana García; e a técnica de Xestión de proxectos do servizo de desenvolvemento territorial e transición ecolóxica; María Luísa Lista.

Por outra banda, hai unha ampla representación do sector audiovisual amesán, o que demostra o interese en participar neste proxecto. Deste xeito, forman parte da comisión representantes das produtoras audiovisuais con sede en Ames: Zenit Televisión, Producións audiovisuais Sete Media, Cinemar Films, Ficción Producións e Mirabelle Comunicación.

Ademais, en dita comisión participa a técnica municipal responsable do proxecto, María Lloves, e está representada a empresa Craftium SL, a través de Ramón Tubío, que é o  director operativo de Ames AV LAB.

Comisión de Avaliación de candidaturas
Os proxectos preseleccionados pola Comisión de Gobernanza serán entrevistados de xeito presencial por unha  Comisión de Avaliación específica. A entrevista deberán acudir todos os membros do equipo do proxecto candidato co obxecto de presentarse, expoñer o proxecto, as súas capacidades e experiencia e responder a todas as preguntas que lles sexan formuladas.

A Comisión de Avaliación do programa elixirá un máximo de 15 proxectos, baseándose na información solicitada a través dos formularios e nas entrevistas, poñéndose en relación tal información cos criterios de valoración establecidos nas bases da convocatoria. Así mesmo, ademais dos 15 proxectos seleccionados e en base á orde descendente das puntuacións obtidas na fase de selección elaborarase unha lista de reserva de proxectos, que poderán entrar a formar parte xunto aos beneficiarios en caso de renuncia ou expulsión dalgún dos proxectos inicialmente seleccionados.

Dita comisión estará formada por un representante do Concello de Ames, un representante da Deputación da Coruña, dous representante de tecido empresarial do sector audiovisual de Ames, un membro adicional do xurado proposto polo Concello de Ames, e Ramón Tubío, director operativo de Ames AV LAB, como secretario con voz pero sen voto. Asistirá, tamén con voz pero sen voto, a técnica municipal do Concello de Ames, María Lloves.

Laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual
O Ames AV LAB é un laboratorio para o impulso da nova produción audiovisual dende o Concello de Ames. Enmárcase dentro do Plan de Emprego Local, cofinanciado pola Deputación Provincial da Coruña. Ames AV LAB concíbese como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais para impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o impulso do importante tecido produtivo audiovisual do concello de Ames.

Ames ten unha alta especialización no sector audiovisual. Empresas produtoras e de servizos, líderes no mercado, teñen a súa sede no concello, contribuíndo a posicionar Galicia como unha das rexións máis competitivas, grazas a producións e coproducións de éxito. Entre outros, os motivos deste éxito local é o fácil acceso a estudios punteiros e polivalentes, empresas líderes en pos produción e dobraxe, provedores de tecnoloxía dixitais e boas comunicacións á beira da capital de Galicia.

Ames AV LAB deséñase como un programa de aceleración para profesionais do sector que busca transformar e avanzar cara una nova produción audiovisual competitiva globalmente e adaptada ás tendencias e demandas do consumidor. Trátase dun programa de 8 meses de duración que mediante prácticas innovadoras e estratexias transformadoras, facilitará a creación e desenvolvemento de 15 proxectos. Baixo a supervisión de expertos, acompañarase no percorrido profesional e creativo mediante: formación, titorización, mentorización, asesoramento especializado e financiamento coa fin de poder validar as propostas e arrancar e acelerar as iniciativas empresariais que participan nel.

En definitiva, trátase dun laboratorio que apuntala o polo de talento que o audiovisual conformou no concello de Ames, contribuíndo a definir a seguinte xeración de líderes do sector español con vocación internacional e innovadora.

Destinatarios do proxecto
Os destinatarios do proxecto son creadores do sector con proxectos non iniciados, en fase de creación ou desenvolvemento, que non teñan data de inicio de rodaxe prevista. Poderán participar proxectos de curtametraxes, longametraxes, series, documentais de creación ou participativos, narrativas inmersivas e de realidade virtual e outros contidos audiovisuais e de carácter dixital fundamentalmente narrativos, primando o ámbito local e provincial.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Impulsarán quince proyectos audiovisuales al constituir los órganos del Ames AV LAB"

Ponse en marcha o Ames AV LAB coa constitución da Comisión de Gobernanza e a aprobación das bases de participación

Multimedia

  • Ponse en marcha o Ames AV LAB coa constitución da Comisión de Gobernanza e a aprobación das bases de participación
  • Ponse en marcha o Ames AV LAB coa constitución da Comisión de Gobernanza e a aprobación das bases de participación
  • Ponse en marcha o Ames AV LAB coa constitución da Comisión de Gobernanza e a aprobación das bases de participación