Pestanas principais

Ponse en marcha a campaña Vacacións en Paz 2011

Mércores, 26 de xaneiro de 2011

[26-01-2011] Un ano máis o Concello de Ames adhírese á campaña Vacacións en Paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A través deste programa as familias de Ames poden acoller durante os meses do verán a nenos e nenas saharauís que viven unha situación moi difícil nos campamentos de refuxiados de Tindouf, en Alxeria. O Concello de Ames acollerá a cinco rapaces que pasarán as vacacións con familias do noso concello. Deste xeito poderán gozar dun ambiente tranquilo e de diversión e obterán atención sanitaria de calidade. As familias amienses que estean interesadas en participar nesta campaña acollendo un neno/as durante os meses de xullo e agosto poden poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais chamando ao número de teléfono 981 535 941.

O Concello de Ames colabora por oitavo ano consecutivo co programa Vacacións en paz, que leva a cabo a asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. Este programa preséntase nun marco de solidariedade e axuda desinteresada co fin de propiciarlles unha estancia agradable e humanamente rica aos nenos e nenas saharauís. Trátase de ofrecerlles a estes cativos, que naceron nun clima de guerra, a posibilidade de coñecer outros xeitos de vida, de maneira que iso contribúa, non só a súa formación, senón tamén a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre os pobos de España e o Sáhara.

Dende a concellería de Benestar Social e Igualdade están levando a cabo unha campaña de información para que as familias amiense se adhiran ao programa Vacacións en Paz. As persoas interesadas en acoller un neno/a saharauí durante os meses estivais deben poñerse en contacto co Concello de Ames chamando ao número de teléfono 981 535 941. A Concellaría de Servizos Sociais é a encargada de organizar o programa de Vacacións en paz en Ames. Este departamento informa ás persoas interesadas, tramita as solicitudes e asegura unha estadía agradable dos cativos no noso Concello.

Este ano o Concello de Ames acollerá a cinco nenos e nenas do Sáhara a través desta campaña posta en marcha pola asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí. A colaboración entre a Administración local e a devandita asociación materialízase tamén nunha achega económicas de 4.450 euros, mediante a cal se sufragará a viaxe e a estadía deste cinco cativos en Ames.

Ata o de agora hai dúas familias que repiten a experiencia e volven a acoller un neno/a saharauí durante os meses de xullo e agosto. Ademais, unha nova familia xa se adheriu a esta campaña e este verán acollerá por primeira vez a un neno/a do Sáhara. As familias interesadas deben poñerse en contacto co departamento de Servizos Sociais porque hai dous nenos/as que aínda non teñen familia de acollida.

Estes nenos naceron nos campamentos de refuxiados saharauís situados dende hai máis de 33 anos na zona da Hamada alxeriana en Tindouf, preto das fronteiras alxeriano - saharauís, e dicir son fillos dos saharauís que abandonaron de xeito forzoso os seus fogares instalados no territorio do antigo Sáhara español en 1975. A vida destes nenos, nados no exilio, transcorre nas mesmas condicións que o resto da poboación saharauí, privada do máis elemental e sobrevive dificilmente grazas á axuda internacional.

Os seus habitantes teñen que soportan temperaturas que superan os 50º C durante os meses do verán e sofren déficits alimentarios e de asistencia médica. Ademais dunha estadía máis cómoda e axeitada, en Ames poderán gozar dunha alternativa de tempo de lecer que os poña en contacto coas realidades que en moitos casos lles son alleas.

Dende o punto de vista afectivo, pasar unhas semanas no municipio amiense, supón algo especial para estes cativos saharauís polas relacións históricas, culturais e humanos. De feito, os saharauís pertencen á comunidade de hispano - falantes e aínda conservan con esmero o español como segundo idioma.