[01-10-2015] O Concello de Ames, a través da concellaría de Medio Ambiente, acaba de poñer en marcha unha campaña co lema: E ti... de quen vés sendo?, coa que se pretende recordarlles a todos os veciños e veciñas de Ames a obriga de censar as súas mascotas no Censo Municipal de Animais de Compañía. Para inscribir aos animais no censo é imprescindible que estean debidamente identificados mediante o microchip, para isto durante o mes de outubro, todas as clínicas veterinarias do municipio ofertarán un 20% de desconto na implantación dos microchips. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso para dar de alta a túa mascota no censo municipal.
A concelleira de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Catuxa García, explica que “coñecer cantos animais de compañía habitan no municipio, así como as súas características particulares, permitiralle o Concello crear e mellorar servizos, como habilitar zonas de esparexemento canino, e traballar as posibles problemáticas en futuras campañas. Tanto o censado como a identificación dos animais son trámites obrigatorios que poden ocasionar sancións económicas se non se fan. A identificación dos animais é unha ferramenta fundamental para fomentar a tenza responsable, evitar extravíos e combater o abandono”.
Nesta campaña, que se desenvolverá durante todo o mes de outubro, colaboran todas as clínicas veterinarias do municipio (Saudevet, Mundo Vivo, Hospican, Novo Milladoiro e Media Lúa). Para fomentar que os propietarios de mascotas inscriban aos seus animais no Censo Municipal de Animais de Compañía, estas clínicas veterinarias ofertarán un 20% de desconto na implantación dos microchips. É imprescindible que os animais estean debidamente identificados mediante o microchip antes de rexistralos no censo municipal. O Rexistro Galego de Animais de Compañía actualízase todos os anos a través dos municipios, por iso é importante contar con este censo municipal.
Para facilitar a implantación dos microchips as clínicas veterinarias desprazaranse ao rural en horario de 17:00 h a 21:00 horas. Deste xeito, hoxe están no local social de Biduído; mañá, 2 de outubro, desprazaranse ata o local social de Trasmonte; o 6 de outubro estarán no local social de Piñeiro; o 8 de outubro achegaranse á parroquia da Ameixenda para estar na Aula da Natureza; o 9 de outubro irán á parroquia de Ames para estar no local social de Cruxeiras; o 15 de outubro achegaranse ata a parroquia de Bugallido para estar na escola unitaria de Guimaráns; o 16 de outubro estarán no local social de Agrón; o 22 de outubro visitarán o local social de Lens; e o 23 de outubro local desprazaranse ata o local social de Tapia.
O censo destes animais é un trámite que se realiza de xeito gratuíto. Tan só e preciso cubrir un modelo de instancia e entregalo no Rexistro Xeral da Casa do Concello, no Rexistro das oficinas de Educación, situadas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, ou na Oficina Municipal do Milladoiro, en horario de 9:00 h á 14:00 horas. O Rexistro Xeral de Bertamiráns tamén abre os sábados polas mañás.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "Ames quiere actualizar su censo oficial de mascotas"
El Correo Gallego: "Campaña para censar a las mascotas y colocación de microchips en el rural"