Pestanas principais

Ponse en marcha a campaña de recollida de xoguetes que estará aberta ata o 2 de xaneiro

Martes, 20 de novembro de 2012

[20-11-2012] A concellaría de Deporte, Tempo Libre e Voluntariado, a través da Oficina do Voluntariado do Concello de Ames (OVA), puxo en marcha unha nova edición da campaña de recollida de xoguetes. A través desta iniciativa trátase de recompilar xoguetes para que os nenos/as de familias con poucos recursos poidan gozar dun agasallo durante as festas do Nadal. As persoas que desexen facer unha doazón poderán achegarse ás casas da cultura do Milladoiro e de Bertamiráns para deixar todos aqueles xoguetes que desexen doar. Poden facerse doazóns ata o 2 de xaneiro, de luns a venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas. Prégase que os obxectos doados sexan novos ou se atopen en bo estado, e non teñan carácter bélico nin sexista.

Un ano máis o Concello de Ames pon en marcha unha campaña de recollida de xoguetes baixo o lema en Ames todos xogamos, regala un mundo mellor. Esta campaña, que durará ata o 2 de xaneiro, pretende recoller un gran número de xoguetes para entregar entre a poboación máis necesitada do concello e sensibilizar a xente de que entregar un xoguete non consiste en dar caridade, baleirar armarios ou reciclar obxectos que nos molestan na casa, senón que hai que poñer un pouco de xustiza e ofrecer solidariedade e xenerosidade de balde.

Todas as persoas que queiran colaborar coa campaña deberán depositar os seus xoguetes ata o 2 de xaneiro de 2012, nas Casas da Cultura do Milladoiro e de Bertamiráns, de luns a venres, en horario de 10:00 h. a 14:00 horas e de 17:00 a 21:00 horas.

Cómpre salientar que só se recollerán xoguetes que cumpran tres requisitos. Primeiro, teñen que ser novos ou atoparse en bo estado. En segundo lugar, non poden ter carácter sexista, xa que é preciso deixar atrás o tópico de regalar xoguetes femininos ás nenas e masculinos aos nenos para fomentar así a igualdade entre xéneros. E por último, non poden ter carácter bélico, xa que, deste xeito, inténtase que os nenos/as aprendan a vivir en paz e non non fagan uso dos actos violentos na súa vida cotiá.

Finalizado o prazo de entrega, a Oficina Municipal do Voluntariado será a encargada de repartir os xoguetes recollidos nesta campaña entre as familias con menos recursos. Deste xeito, todos os rapaces e rapazas poderán gozar dun agasallo nun día tan especial e esperado para eles como é o día de Reis, no que a ilusión e a diversión debe ser o que predomine en todos os nenos e nenas.

As persoas que desexen obter máis información deben dirixirse á Oficina Municipal do Voluntariado (OVA) chamando ao teléfono 662 377 044, ou ben preguntar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ponse en marcha a campaña de recollida de xoguetes que estará aberta ata o 2 de xaneiro"
La Voz de Galicia: "Ames pone en marcha una nueva edición de la campaña de recogida de juguetes"