Pestanas principais

“Polo Camiño, Contos da Feira”, nova sesión virtual de marionetas da man do programa Apego de Ames e o programa FalaRedes

Luns, 16 de novembro de 2020

A compañía teatral A cova das letras chega a Ames con esta actividade do programa FalaRedes. O venres 20 de novembro, a partir das 18.00, os nenos e as nenas poderán participar nesta sesión virtual de marionetas, contos e cantos. O prazo de inscrición está aberto ata o xoves 19 de novembro e as familias interesadas en participar deberán enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal.

O programa Apego do Concello de Ames vai continuar realizando as súas actividades durante este mes de novembro, aínda que dun xeito diferente. Debido á actual situación sanitaria, as actividades pasaranse a formato virtual para que as familias poidan seguir participando desde as casas e gozando de recursos que enriquezan a crianza e faciliten a transmisión da lingua con total seguridade.

A próxima sesión será “Polo Camiño, Contos da feira”, organizado pola compañía de teatro A cova das letras e proposto a través do programa FalaRedes, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.  Para poder participar as familias terán que inscribirse, aínda que por ser unha actividade virtual non haberá límite de prazas. Dende o Servizo de Normalización Lingüística enviaráselles ás persoas inscritas unha ligazón que lles permitirá acceder á sesión a través de calquera dispositivo con pantalla e conexión á rede.

Este espectáculo de monicreques de luva, de táboa e marotas, conta a historia dunha feira onde se xuntan seis personaxes que, cos seus contos en cantos, farán voar a nosa imaxinación: a minuteira, o fistor, Pepa a Loba, Pepa das Mulas, o vendedor de tarabelas e a posticeira.

Prazo de inscrición aberto
O prazo de inscrición xa está aberto e rematará o xoves 19 de novembro. As persoas interesadas deben enviar un correo electrónico ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal no que figuren os nomes e apelidos das persoas participantes, a idade das crianzas e un número de teléfono de contacto.

Dende o departamento de Normalización Lingüística confirmarase a inscrición e as famiias que participen recibirán a ligazón e as instrucións para poder acceder á sesión virtual. Só será preciso un dispositivo con pantalla e conexión a Internet.

O programa Apego
O programa Apego está dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade inferior a 6 anos.

É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames enviando o formulario cuberto a través da páxina apego.gal, escribindo a normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "“Polo camiño, Contos da feira” será a nova actividade virtual do programa Apego en Ames"

Cartaz.

Multimedia

  • Cartaz “Polo Camiño, Contos da Feira”.