[08-04-2016] A Policía Municipal de Ames está a levar a cabo o restruturamento dos semáforos do núcleo urbano de Bertamiráns. Ademais de minimizar o tempo de agarda para o paso nos semáforos próximos ao CEIP da Maía quérese axilizar o tráfico na rotonda que une a Avenida da Maía coa Avenida da Peregrina. Ademais estase a realizar un estudo para a posible coordinación dos semáforos da Avenida da Maía.
Minimizar a formación de atascos que se forman na Avenida da Maía é unha das preocupacións dos membros do corpo policial municipal. Especialmente na rotonda que une esta rúa coa Avenida da Peregrina, e que é punto de entrada e de saída de Bertamiráns cara a autovía AG-56. O derrube que tivo lugar precisamente nesta autovía é a causa de que os estudos levados a cabo se repitan unha vez sexa arranxada, xa que o tráfico "é anormalmente alto en Bertamiráns a causa disto".
A Policía Local segue buscando sistemas para mellorar a circulación neste punto. Na Avenida da Peregrina, ademais de minimizar o tempo de agarda nos pasos de cruce que hai á altura dos centros escolares, colocáronse luces intermitentes que permitan aos coches cruzar á avenida de dereita á esquerda a través das rúas Rueiro e do Cómaro, ou da rúa Travesía da Peregrina.