Pestanas principais

A Policía local realizou 25 atestados e 9 dilixencias por asistencia en accidentes de tráfico durante o mes de xullo

Sábado, 20 de agosto de 2011

[20-08-2011] A Policía local dá conta dalgunhas actuacións que desenvolveu durante as últimas semanas. Este corpo de seguridade realiza os seus labores co fin de garantir o benestar de todos os amienses. Durante o mes de xullo realizáronse unha serie de intervencións dos que informa a Policía local. Os axentes do corpo de seguridade de Ames procederon a detención de dous rapaces na madrugada do domingo 17 de xullo por un suposto delito de roubo con forza no Edificio Xesteira, en Bertamiráns. Na madrugada do mesmo día e tamén en Bertamiráns, un condutor foi denunciado por estar baixo a influencia de bebidas alcólicas, dando un resultado de 0,72 mg/l na proba de alcolemia. O máximo permitido legalmente no seu caso era de 0,15 mg/l ao ser un condutor novel.

Durante o pasado mes de xullo, a Policía local realizou 25 atestados por intento de entrada en vivendas, danos en vehículos, varios furtos, roubo de material, resistencia á autoridade e 9 dilixencias por asistencia en accidentes de tráfico. Ademais realizaron diversos documentos e informes para diferentes departamentos municipais (servizos sociais, urbanismo, obras, oficinas xerais, dilixencias por obxectos perdidos, actas administrativas, etc). As actuacións máis significativas que tiveron que atender foron por un suposto delito de roubo con forza e varios delitos contra a seguridade viaria por consumo de alcol.

A Policía local detivo a dúas persoas, D.I.I.S nado o 03-03-1969, e a D. A.G.G nado o 29-03-72, ambos nacidos e con residencia actual na cidade de Santiago de Compostela, por un suposto delito de roubo con forza. Os feitos producíronse na madrugada do domingo 17 de xullo, ás 03:55 horas, cando unha patrulla composta por dous gardas recibiron unha chamada do Posto da Garda Civil do Milladoiro, na que comunicábaselles que un veciño chamara alertando que dúas persoas podían estar roubando no Edificio Xesteira, sito en Avenida da Maía, de Bertamiráns.

Os axentes da Garda Civil trasladáronse ata o lugar dos feitos, xunto con axentes da Policía local. Unha vez alí observaron nas inmediacións do edificio un vehículo que se atopaba aberto e con varios rolos de mangueira de cable de cobre, tanto no asento posterior do vehículo, como no seu maleteiro. A raíz disto, os axentes proceden ao recoñecemento do edificio, o cal está en obras, localizando a ambos rapaces escondidos no cuarto pechado da planta baixa do edificio. Levaban postos guantes de traballo e o seu carón había varios rolos de mangueira de cable de cobre cortados polos seus extremos cun alicate de corte.

Ao preguntar quen era o dono do coche, un dos rapaces respondeu que era seu e sacou a chave do peto, e ao preguntar pola procedencia dos rolos de cable que tiñan no interior do mesmo, manifestaron que o recolleran da obra. Ante tal feito, os axentes procederon a detención de ambos rapaces como autores dun suposto delito de roubo con forza, sendo informados dos dereitos que lles asistían segundo o disposto na lei e sendo trasladados a dependencias da Garda Civil de Milladoiro, xunto co vehículo e os efectos achados no seu interior.

Denunciado un condutor por un delito contra a seguridade viaria

Por outra banda, a seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía local de Ames. Axentes do corpo de seguridade amiense identificaron e abriron dilixencias contra un condutor que sufriu un accidente baixo os efectos do alcol tamén na madrugada do domingo 17 de xullo. Unha patrulla do corpo de seguridade, realizando o servizo de patrulla pola Avenida da Maía en Bertamiráns, ás 07:10 horas do susodito día, observaron un accidente de circulación consistente nun choque entre dous vehículos.

Tratábase do vehículo conducido polo imputado e outro que estaba estacionado na citada avenida na marxe dereita sentido Noia. O condutor que provocou o accidente atopábase con síntomas evidentes de estar baixo a influencia de bebidas alcólicas, dando un resultado de 0,72 mg/l na proba de alcolemia, sendo o máximo permitido legalmente no seu caso de 0,15 mg/l ao ser un condutor novel.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames abrió en julio 25 atestados por delitos de seguridad"
El Correo Gallego: "La Policía de Ames realizó en julio 25 atestados y arrestó dos cacos"