Pestanas principais

A Policía Local monta un dispositivo especial para identificar a un exhibicionista que actuaba no camiño de Santiago a Fisterra

Martes, 07 de xullo de 2015

[07-07-2015] Os axentes da Policía Local de Ames identificaron a unha persoa que levaba días facendo xestos obscenos e actos de exhibicionismo ante diferentes peregrinas que realizaban o camiño de Santiago a Fisterra. Para identificar a este individuo o corpo de seguridade amesá montou un dispositivo especial, a través do cal unha axente vestida de peregrina localizou e identifico á devandita persoa. Trala identificación informouse a este individuo das posibles consecuencias que lle podían ocasionar os feitos ocorridos, segundo o especificado na Lei 4/2015.

O pasado sábado, 4 de xullo, arredor das 10:00 horas un veciño chamou á Policía Local para alertar de que un home chegará ao camiño de Santiago a Fisterra, ao seu paso polo lugar de Augapesada, concretamente no camiño coñecido como Mar de Ovellas. Despois de estacionar o seu vehículo, púxose a camiñar cara arriba ata chegar a un lugar afastado do vehículo, pero próximo ao camiño de Santiago. Unha vez alí, comezou a realizar xestos obscenos e actos de exhibicionismo.

Tendo en conta que a descrición física deste individuo coincidía coa información proporcionada por varias peregrinas, que días atrás denunciaran estes mesmo feitos no camiño de Santiago a Fisterra, a Policía Local puxo en marcha un dispositivo especial no que participaron unha axente vestida de peregrina e outros dous axentes uniformados.

A axente camuflada de peregrina comezou a percorrer o camiño de Mar de Ovellas. Detrás dela, a unha distancia prudencial, ían os outros dous axentes. Percorrido un quilómetro aproximadamente, a axente visualizou a un varón, que estaba separado uns 5 metros do camiño, facendo xestos obscenos e actos de exhibicionismo. De seguido, os axentes da Policía Local, tendo en conta o establecido na Lei 4/2015, identificaron a esta persoa como presunto autor dos feitos denunciados, xa que coincidía coas características achegadas anteriormente por varias peregrinas.

Deste xeito, informouse ao presunto autor dos feitos do motivo da súa identificación e das posibles consecuencias que poden ocasionar os feitos ocorridos en relación coa devandita lei. Tamén se lle advertiu das consecuencias que teñen eses mesmos feitos, no caso de que se realicen ante menores ou persoas con algún tipo de discapacidade.

Campaña de control da DGT
Por outra banda, como soe ser habitual, a Policía Local de Ames adheriuse á campaña especial de vixilancia e control das condicións nas que circulan os vehículos polas estradas. Esta campaña, promovida pola Dirección Xeral de Tráfico, estase desenvolvendo entre o 6 e o 12 de xullo.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Una policía local de Ames se camufla de peregrina para cazar a un exhibicionista"
La Voz de Galicia: "Una policía local de Ames se camufla de peregrina para cazar a un exhibicionista en el Camino"
La Voz de Galicia: "Cando conseguimos identificalo, tomouno con moita naturalidade"