[31-05-2018] Esta semana a Policía Local de Ames comezou a realizar controis de velocidade nas principais estradas dos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como na zona rural. Vixiaranse especialmente rúas como a avenida de Rosalía de Castro, a avenida da Maía e aquelas estradas onde hai máis queixas veciñais porque os condutores de vehículos non respectan os límites de velocidade. Os axentes municipais cotan cun vehículo, cedido pola propia DXT, equipado cun radar e cun etilómetro para levar a cabo controis de alcoholemia.
Os controis de velocidade, que iniciou esta semana a Policía Local de Ames, realizaranse ao longo dos vindeiros seis meses. A intención é controlar aquelas estradas onde se ten detectado que os vehículos non respectan os límites de velocidade e circulan a máis velocidade do permitido. A intención é que os condutores adquiran uns hábitos responsables de condución e respecten os límites de velocidade. Deste xeito, faranse controis de velocidade nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, pero tamén nas estradas das parroquias amesás.
A través desta iniciativa trátase de concienciar da importancia de circular á velocidade indicada, especialmente en espazos urbanos nos que distintos tipos de vehículos (automóbiles, motocicletas, bicicletas) comparten espazo cos peóns. A velocidade ten ademais un impacto negativo no medio ambiente, xa que ao aumentar esta fano tamén os gases nocivos e emiten os vehículos, así como o nivel de ruído que producen, e na calidade de vida das zonas urbanas.






