Pestanas principais

A Policía Local leva a cabo controis de velocidade en Ames

Martes, 07 de xullo de 2020

Durante esta semana a DGT está a realizar unha “Campaña Especial sobre vixilancia e control de velocidade”. A Policía Local de Ames está adherida a esta campaña que se leva a cabo especialmente en estradas convencionais e vías urbanas.  A campaña se prolongará até o 12 de xullo.  Cómpre salientar que desde que se iniciou a “nova normalidade”,  tamén a Policía Local de Ames intensificou os controis de camións de alta tonelaxe no casco urbano.

A Policía Local de Ames realiza esta semana controis de velocidade en todo o territorio de Ames. Vixíanse especialmente rúas como a avenida de Rosalía de Castro, a avenida da Maía e aquelas estradas onde hai máis queixas veciñais porque os condutores de vehículos non respectan os límites de velocidade.

Os axentes municipais cotan cun vehículo, cedido pola propia DXT, equipado cun radar e cun etilómetro para levar a cabo controis de alcoholemia.

Para a concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez Domínguez, “esta iniciativa pretende concienciar á cidadanía da importancia de circular á velocidade indicada, especialmente en espazos urbanos nos que distintos tipos de vehículos (automóbiles, motocicletas, bicicletas) comparten espazo cos peóns”.  

Cómpre salientar que aínda que se produciu un descenso importante no número de condutores/as denunciados/as é necesario seguir facendo controis de velocidade polo impacto que ten no medio ambiente e pola seguridade dos ciclistas e peóns. Neste senso, a concelleira salienta que “a velocidade ten tamén un impacto negativo no medio ambiente, xa que a máis velocidade, máis gases nocivos emiten os vehículos. Ademais o nivel de ruído que producen os coches que van a maís velocidade inflúe tamén na calidade de vida das zonas urbanas”.

Non se pode esquecer que no 22% dos casos de accidentes mortais a velocidade foi un factor determinante. Unha velocidade axeitada evitaría unha cuarta parte das vétemas mortais en accidentes de tráfico.

Segundo a OMS a unha velocidade de impacto de 50km/h un peón ten un 80% de risco de morrer atropelado, sen embargo, a unha velocidade de 30km/h o risco de perder a vida nun atropelo é dun 10%.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames refuerza los controles de velocidad y paso de camiones"

El Correo Gallego: "Ames fará controis de velocidade ao longo da semana"

Compostela 24 horas: "A Policía Local leva a cabo controis de velocidade en Ames"

Vehículo cedido pola DXT á Policía Local de Ames