Pestanas principais

A Policía Local imparte unha charla sobre seguridade viaria e mobilidade no IES de Ames

Xoves, 26 de maio de 2016

[26-05-2016] Esta semana dous axentes da Policía Local de Ames achegáronse ás aulas do IES Plurilingüe de Ames, para impartir unha charla sobre seguridade viaria e mobilidade. Nesta actividade participaron os alumnos e alumnas de 1º da ESO. O instituto de Bertamiráns e mailo CEIP A Maía participan, coa colaboración do Concello de Ames, no plan Proxecta, deseñado pola Consellería de Educación, no apartado de “Mobilidade Sostible e Segura”.

A Policía Local visitou esta semana as aulas do alumnado de 1º da ESO do centro, aos que lle impartiron varias charlas informativas, centradas nas normas que deben respectar como peóns e minimizar os riscos de desprazamento. Un aspecto no que se incidiu nestas charlas, a raíz da preocupación do profesorado, foi na necesidade de non descoidar á atención ao camiñar pola beirarrúa ao mirar o teléfono móbil. Un comportamento moi estendido na poboación nova e que aumenta o perigo de sufrir accidentes. Así mesmo os axentes explicáronlles a necesidade de camiñar con chalecos reflectores polas vías urbanas e interurbanas, entre outros aspectos dos tratados.

O IES Plurilingüe de Ames participa ao longo deste curso escolar no Plan Proxecta. As actividades que se realizan, relacionadas co apartado de “Mobilidade Sostible e Segura”, queren impulsar que sexa o propio alumnado o que tome conciencia dos problemas existentes en materia de seguridade viaria, sendo eles e elas os que aporten solucións. Pídeselles que reflexionen acerca da necesidade de fomentar transportes alternativos ao automóbil, do coidado do medio ambiente, das actitudes e comportamentos que poden aumentar os riscos de accidente ou sobre as normas a tomar para que o espazo público sexa máis seguro.

No programa de “Mobilidade Sostible e Segura” do Plan Proxecta participa, ademais do IES Plurilingüe de Ames, o CEIP A Maía. Está coordinado pola Dirección Xeral de Tráfico, e nel colaboran distintos axentes sociais, como os propios municipios ou membros da Policía Local.