Pestanas principais

A Policía Local imparte o programa formativo “Seguridade viaria na escola” nos centros de ensino de Ames

Xoves, 12 de marzo de 2020

O plan formativo, que está impartindo de xaneiro a xuño a Policía Local nos colexios de infantil e primaria, institutos e escolas unitarias, está dividido en dúas partes. Primeiro, ofrécense charlas educativas nos centros de ensino, para logo, facer saídas e poñer en práctica o explicado nas aulas. Ata o de agora, xa impartiron ditas charlas no CEP de Ventín, nas escolas unitarias de Ortoño e Covas e no CEIP de Barouta. Nestas charlas informativas abórdanse diferentes norma de seguridade viaria cando se camiña como un peón, para cruzar unha  estrada, cando se circula cunha bicicleta, pero tamén se fala dos sistemas de retención infantís dos vehículos. 

A Policía Local de Ames organiza anualmente iniciativas educativas que imparte nos centros de ensino do concello. Este ano o lema é A seguridade viaria na escola. Este programa está dirixido e adaptado a diferentes cursos de educación Infantil, primaria e secundaria. O proxecto comezou a impartirse no mes de xaneiro e prolongarase ata o mes de xuño. Ata o de agora, xa impartiron ditas charlas no CEP de Ventín, nas escolas unitarias de Ortoño e Covas e no CEIP de Barouta. Queda por participar neste proxecto educativo o alumnado dos CEIP da Maía e do Agro do Muíño, da EEI do Milladoiro e dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro.

A axente da Policía Local de Ames, Cristina Ferreira, é a responsable de impartir esta iniciativa educativa. A través de diapositivas e vídeos, o alumando aprende as normas de seguridade viaria que deben seguir nos seus desprazamentos a pé, en bicicleta ou en autobús. Así, explícaselles que ata os 12 anos os rapaces e rapazas que circulan con bicicleta pola rúa poden facelos pola beirarrúa, pero a partir dos 12 anos teñen que circular pola estrada.

Os rapaces aprenden a importancia de cruzar debidamente polos pasos de peóns, coñecen as sinais de tráfico e as medidas de seguridade que deben ter en conta á hora de viaxar en coche, bicicleta ou transporte público. Ademais, coñecen as posibles infraccións ás que se poden expoñer se non obedecen as normas de circulación. Todo isto, con personaxes que chaman a súa atención como son os “Minions”ou a “Patrulla canina”. A actividade busca reforzar os coñecementos do alumnado en materia de seguridade viaria.

Cristina Ferreira, a axente de Policía Local que leva a cabo a formación, recalca a importancia destas xornadas de formación e de que vexan aos axentes como “persoas próximas, non só para educalos na seguridade viaria, tamén que vexan a figura dun policía como algo que non teñen que temer, xa que moitas veces os pais/nais ou avós lles impoñen unha figura de respecto sobre nós, pero teñen que saber que sempre imos axudar en caso de que teñan un problema”. Aclara que “somos un servizo público e estamos aí para axudar a cidadanía e sobre todo aos nenos e nenas”.

Saídas co alumnado á rúa
A segunda parte deste programa educativo realízase fóra das aulas. Ademais das clases teóricas, a Policía Local de Ames organiza clases prácticas cos centros, con saídas en bicicleta, saídas polas rúas, coñecendo a contorna e poñendo en práctica o aprendido nestas clases teóricas.

Deste xeito, algunhas das actividades previstas andainas e saídas en bicicleta. O alumnado dos CEIP da Maía e do Agro do Muíño farán saídas ata Bertamiráns para aprender como cruzar os pasos de peóns e como camiñar de xeito seguro polas beirarrúas. Ademais, o alumnado dos CEIP Agro do Muíño e de Barouta tamén participarán en saídas en bicicleta para afondar nas cuestións tratadas previamente nas aulas.

Traballo co alumnado de secundaria
Por outra banda, co alumnado de secundaria dos institutos de Bertamiráns e do Milladoiro vaise abordar como afecta o consumo de alcol e drogas na seguridade viaria. Este traballo farase a través da elaboración da páxina web eu digo non e dun xogo no que se lle achegará ao alumnado unha serie de estratexias para dicir non ante a presión do grupo ao consumo de ditas sustancias.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Seguridad viaria a pie de aula a cargo de la Policía de Ames"

La Voz de Galicia: "La seguridad vial llegó este curso a las escuelas amienses"

Plan formativo seguridade viaria

Multimedia

  • Plan formativo seguridade viaria
  • Plan formativo seguridade viaria
  • Plan formativo seguridade viaria
  • Plan formativo seguridade viaria
  • Plan formativo seguridade viaria