Pestanas principais

A Policía local fai balance das 3.327 actuacións realizadas durante o 2011

Martes, 07 de febreiro de 2012

[07-02-2012] Como todos os anos, a Policía local de Ames fai público o informe anual de actuacións que neste caso son as 3.327 labores realizadas en 2011. Os traballos relacionados co tráfico, co urbanismo, accidentes de tráfico e retirada de vehículos da vía pública foron os máis numerosos. O cadro da Policía local do concello está integrado por 25 axentes -22 policías, 2 oficiais e un inspector- e conta con tres turismos, un todoterreno e unha motocicleta. O número de policías locais por habitante é de 1 por cada 1.183 habitantes.

Seguridade cidadá e atención social

Entre os cometidos da Policía local de Ames tamén está a atención ás mulleres maltratadas. Para iso, este corpo conta co programa de Teleasistencia móbil para as vítimas de violencia sexista, unha modalidade de servizo que ofrece ás mulleres maltratadas con orde de protección atención inmediata e a distancia as 24 horas do día e os 365 días do ano. Durante o 2011 déronse de alta un total de 4 persoas e notificáronse un total de 11 incidencias neste servizo.

Ao tempo que elaboran un arquivo das mulleres con necesidade de protección ou con ordes de afastamento dos seus maltratadores, tamén levan a cabo un seguimento das sentenzas do xulgado de violencia de xénero, sendo en 2011 un total de 16 expedientes os cedidos polos xulgados á Policía local nesta materia. O obxectivo de todas estas actuacións é dar un trato individualizado ás vítimas, creando un ambiente de confianza e protección no que se sintan seguras.

A Policía local tamén se encarga de responder aos requirimentos que dende os centros escolares ou dos veciños se fan para controlar a menores que faltan ás clases ou que cometen algún tipo de falta ou delito. As comunicacións que se produciron por menores son de diversa índole, ben sexa agresións, roubos, trato con drogas na vía pública etc.

Para o mantemento do civismo e da convivencia cidadá, tamén se encargan de vixiar a entrada e saída dos colexios en Bertamiráns e Milladoiro, previr o furto nos días de mercado e de roubos en establecementos, vixiar durante a celebración de actos e espectáculos públicos, revisar a limpeza das vías das obras e o mantemento da salubridade e ornato público; e realizar as saídas aos enterros, que durante o ano pasado foron 141.

Medio Ambiente

Neste apartado a Policía local encárgase do control de vertedoiros incontrolados, elaborar informes, localizar vertedoiros e intentar descubrir quen tira o lixo neles, realizar controis de cans en espazos naturais públicos -rexistráronse 45 sancións en 2011 por infraccións da normativa- e controlar establecementos e domicilios particulares pos ruído ambiental que molestaba á veciñanza.

Realizáronse controis de cans polos espazos públicos de Bertamiráns e do Milladoiro e rexistráronse un total de 5 expedientes por infracción a normativa local, o que supón unha diminución do 73% con respecto ao ano 2010.

Atestados xudiciais

Neste eido a Policía local de Ames levou a cabo 290 actuacións. Entre estas, cabe destacar a elaboración de 47 atestados por furto de obxectos, 71 por danos en propiedade privada, 39 por delictos contra a seguridade do tráfico e 46 por outras denuncias. Ademais, a Policía local no ano 2011 rexistrou un total de 279 atestados remitidos ao Xulgado, á Fiscalía e á Garda Civil.


Das 3.327 actuacións levadas a cabo pola Policía local de Ames, a maioría delas están relacionadas con cuestións relativas ao tráfico, ao urbanismo, accidentes de tráfico e retirada de vehículos da vía pública. O número de intervencións incrementou lixeiramente en 36 actuacións respecto do ano 2010, o que representa un aumento das actuacións do 1,08%. Se temos en conta as intervencións de 2009, o incremento é moito máis significativo xa que representa o 59%.

O número de accidentes de tráfico que se produciron en Ames durante 2011 reducíronse, pasando dos 137 en 2009 aos aos 104 en 2011. Isto supón un bo dato que coincide coa baixada tamén do número de vehículos retirados con guindastre -68 en 2009, 66 en 2010 e 62 en 2011- mais non implica unha baixada das infraccións de tráfico, pois foi este apartado no que maior incremento se produciu, pasando de 589 infraccións penalizadas en 2009 a 2.052 denuncias postas en 2011.

O inspector da Policía local, Xosé Antonio Rodríguez, manifestou que "a labor realizada por este corpo de seguridade, en moitas ocasións, non sería posible sen a colaboración cidadá que, dunha forma desinteresada e anónima, nos facilita a información necesaria, sen a cal, nos sería imposible desenvolver o noso traballo". O inspector Rodríguez incidiu tamén en que o "noso obxectivo é dar un mellor servizo aos cidadáns, por iso, cada día ó realizar a nosa labor temos un referente claro, dar un mellor servizo, dar seguridade e benestar aos cidadáns e que estes vexan e crean na boa labor e xestión realizada polos membros deste corpo de seguridade".

Actuación en materia de tráfico

No que respecta ás cuestións relacionadas co tráfico no concello, cómpre destacar o descenso do número de accidentes que tiveron lugar en 2011 con 104 accidentes de tráfico, 33 accidentes menos que en 2009, o que supón un descenso do 24%.Tamén se reduciron o número de vehículos retirados coa grúa por incumpriren a normativa -62 en 2011, 6 menos que en 2009-. Os principais vehículos implicados en accidentes son turismos e camións.

É competencia da Policía local a prevención de accidentes de tráfico e a consecución dun maior grao de seguridade viaria. No ano 2011 levantáronse en Ames un total de 104 dilixencias por accidente de tráfico, polas 112 de 2010, é dicir, un 7% menos que no exercicio anterior, aínda que a intervención en accidentes foi de 123 polos 126 do ano pasado, supoñendo un 2% menos que no exercicio anterior. A maioría destes producíronse por colisións e saídas de vía. Ademais, realizáronse un total de 40 atestados por un delito contra a seguridade viaria, repartidos en 32 atestados por alcolemia positiva e 8 atestados pola condución sen permiso, unha media similar ao do ano 2010.

No exercicio 2011 formuláronse un total de 2.052 denuncias de tráfico. Isto supón unha diminución de 35 no número de denuncias por infracción de tráfico respecto ao ano 2010, un claro reflexo de que dende o corpo de seguridade amiense óptase por advertir á cidadanía antes de realizar unha denuncia de tráfico.

Outro dos labores que realiza a Policía local en materia de tráfico é a retirada de vehículos inservibles ou abandonados nas rúas. Con este tipo de condutas prodúcese unha molestia á cidadanía ao reducirse o número de prazas de aparcamento dispoñibles. Así, entre as funcións da Policía local están previr a existencia de vehículos abandonados en vía pública, retirar estes vehículos ou corrixir os estacionamentos de longa duración. O número de expedientes abertos durante o 2011 por abandono foi de 100. Retiráronse 88 vehículos, dos cales 70 foron sacados da vía pública polos seus titulares e 18 retirados co guindastre. Para os 12 restantes segue o expediente en curso.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Los accidentes de tráfico bajan un 24 % en dos años en Ames"