Pestanas principais

A Policía Local de Ames realizou un total de 29 controis durante a campaña especial de vixilancia de camións e furgonetas

Sábado, 27 de febreiro de 2016

[27-02-2016] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas que se desenvolveu entre o 15 e o 21 de febreiro de 2016. Os axentes da Policía Local de Ames realizaron un total de 29 controis, nos cales denunciaron a 4 condutores por problemas coa documentación presentada. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

A principal razón da posta en marcha desta campaña de vixilancia e control, que neste caso se desenvolveu entre os días 15 e 21 de febreiro, é que o 15% do parque de vehículos de España está composto de camións e furgonetas. O transporte de mercadorías ten un peso moi importante no que a seguridade viaria se refire, xa que representa o segundo tipo de vehículos máis numeroso que circula polas estradas españolas.

Segundo informan dende a Dirección Xeral de Tráfico a pesar de que o número de usuarios/as de furgoneta falecidos reduciuse en 24 persoas pasando dos 92 en 2014 aos 68 de 2015, segundo a Dirección Xeral de Tráfico é preciso seguir realizando este tipo de campañas.

Os axentes controlaron diversos aspectos como a velocidade, o consumo de alcol e drogas, o uso do cinto de seguridade, as horas de condución e descanso, o tacógrafo, o exceso de peso, a seguridade da carga transportada, a documentación do vehículo e condutor e os defectos técnicos do vehículo.

Deste xeito, os axentes da Policía Local de Ames controlaron furgonetas e todo tipo de camións, independentemente do país no que estean matriculados. Cómpre destacar que en total se realizaron 29 controis repartidos en tres días de actuacións (o primeiro día houbo 7 controis, o segundo realizáronse 12, e o terceiro 10). Todos os controis realizáronse sobre camións e furgonetas nacionais. O resultado foi bastante satisfactorio xa que tan só houbo 4 denuncias por por problemas coa documentación presentada polos condutores denunciados.